Educación regula o recoñecemento da participación dos docentes en proxectos europeos

O obxectivo é que os docentes obteñan a pertinente certificación por tomar parte en actividades do 'Erasmus +' e asociadas, así como nos Programas de aprendizaxe permanente (PAP) e Proxecto e-Twinning

Mér, 31/08/2016 - 15:29

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución para regular o recoñecemento, a certificación e o rexistro da participación nos programas europeos impulsados pola administración educativa para os efectos de formación permanente do profesorado. O texto adecúa e actualiza ás necesidades actuais o disposto nos artigos 35 e 36 da Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia. a norma ten en conta a importancia que teñen estes programas educativos como motores da innovación educativa, nos cales, ademais, participa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como promotora, así como a entrada en vigor do 'Erasmus +',  aprobado pola Unión Europea para o período 2014-2020.

Deste xeito, os efectos da resolución serán de aplicación a aqueles programas europeos rematados con posterioridade á entrada en vigor da devandita orde, isto é, logo do 23 de maio de 2013, co fin de que os docentes poidan certificar axeitadamente as actividades nas que participaron desde esa data. A medida está dirixida a nivel europeo polo Servizo Central de Apoio (SCA) con sede en Bruxelas, coordinado a nivel nacional polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e con contactos nas distintas comunidades autónomas.

Solicitudes

O profesorado interesado no recoñecemento da súa participación nun programa europeo deberá pedilo mediante unha solicitude dirixida ao Servizo de Formación Permanente do Profesorado, xuntando fotocopia compulsada da documentación acreditativa que posúa, na cal conste a denominación, a modalidade, as datas de inicio e finalización da actividade, as horas de duración desta, se procede, e o lugar de realización.

A dirección xeral competente en materia de formación permanente do profesorado resolverá a petición nun prazo máximo de seis meses desde a recepción da documentación. Ademais das actividades do propio 'Erasmus +' e asociadas a este programa, poderá tamén solicitarse a certificación da participación en Programas de aprendizaxe permanente (PAP) e Proxecto e-Twinning.

O recoñecemento de horas para cada un dos programas e a documentación requerida pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160831/AnuncioG0164-240816-0001_gl.html .