Os Axóuxeres inician en Arteixo e Miño a súa nova programación de dinamización lingüística para nenos e nenas de 0 a 3 anos

Esta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística percorrerá unha ducia de concellos das catro provincias ata o próximo mes de marzo

Dom, 30/01/2011 - 11:41
Os Axóuxeres
Os Axóuxeres inician en Arteixo e Miño a súa nova programación de dinamización lingüística

A nova programación dos Axóuxeres inicia hoxe o seu percorrido nos concellos de Arteixo e de Miño. As dúas localidades coruñesas son o punto de partida deste ano do programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca favorecer a transmisión lingüística do galego no seo da familia.

Logo de percorreren os pasados meses de setembro e de outubro as sete cidades galegas no formato de Festas, Os Axóuxeres retoman a edición 2010-2011 a través dos Encontros dos Axóuxeres. Ás 12:00 horas estarán no Centro Cívico do Froxel de Arteixo e xa pola tarde, ás 18:30 horas, visitarán o Local Social de Xarío de Miño. Ata o mes de marzo, continuarán o seu percorrido polas catro provincias galegas a través dos concellos de Muros, Santa Comba, Redondela, A Cañiza, Tui, Vilagarcía de Arousa, San Cibrao da Viñas, Verín, Foz e Vilalba.

Os Encontros dos Axóuxeres constitúen un espectáculo participativo dunha hora de duración que conxuga as cantigas tradicionais, a música, o teatro e os xogos en galego das Festas nun formato adaptado ás poboacións e espazos de localidades máis pequenas. Nos Encontros, unha nena, Eli, axuda o seu avó, o coñecido actor Xosé Manuel Olveira Pico, a atopar o caderno no que este garda os contos, os xogos e as cantigas que o facían feliz cando era neno. Os dous contan coa axuda de Totó, o boneco protagonista dos Axóuxeres que foi aprendendo a falar nas pasadas edicións.

Os Encontros continúan nos Obradoiros dos Axóuxeres

Co fin de darlle continuidade aos contidos dos Encontros, a Secretaría Xeral de Política Lingüística introduciu unha importante novidade na edición 2010-2011 do programa. Trátase dos Obradoiros dos Axóuxeres, que a través de cantos de arrolo tradicionais, de técnicas de masaxes para os bebés e de xogos de iniciación buscan axudarlles aos pais e nais a crear un maior vínculo co seu fillo nesta primeira etapa e, ao mesmo tempo, favorecer a incorporación do galego á comunicación entre os bebés e as familias.

Para que a actividade poida continuar na casa, a secretaría xeral pon a disposición dos pais e nais as músicas, letras, xogos e demais materiais relacionados coas Festas dos Axóuxeres, que poden atoparse na rede, no portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, nas redes sociais, a través dos enderezos www.facebook.com/axouxeres e http://twitter.com/OsAxouxeres, pode consultarse toda a información sobre o programa.

Menús News node R