Cultura e Educación concede 523.000 euros en axudas a ANPAS que xestionan comedores escolares

O Goberno galego aporta ata un máximo do 50% do custo deste servizo en cada centro correspondente

Mar, 23/08/2016 - 11:12

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 522.998,00 € para axudar a sufragar o custo dos comedores escolares xestionados polas ANPAS no curso 2015/2016. En total recibíronse 100 solicitudes das que a 95 outorgáronselle axudas e a 5 se lle denegaron por presentación fóra de prazo ou por non cumprir cos requisitos da convocatoria. Os usuarios beneficiados acadan os 10.570 para estes 95 comedores xestionados polas ANPAS.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas -que se pode consultar no enderezo web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160823/AnuncioG0164-110816-0001_gl.html - destinadas ao cofinanciamento deste servizo xestionado polas asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería e que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria ou o segundo ciclo de educación infantil.

A Consellería financia ata un máximo do 50 por cento do custo do servizo do comedor do centro escolar correspondente. As axudas, que se outorgan en réxime de concorrencia competitiva, poderán ser empregadas para sufragar o custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor.

Tamén poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de persoal para atender ao alumnado con necesidades específicas e os derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.