“O programa Bocaberta aposta pola dinamización do uso do galego a través das entidades locais”, afirma Anxo Lorenzo

O responsable de Política Lingüística presentou hoxe en Vilalba as actividades que a secretaría xeral levará mañá a este concello para promover o idioma entre os máis novos

Xov, 27/01/2011 - 17:43
O programa Bocaberta aposta pola dinamización do uso do galego
De esquerda a dereita, Xosé Manuel Aldea, da empresa Ouvirmos; Anxo Lorenzo, responsable de Política Lingüística; Gerardo Criado, alcalde de Vilalba; e José María García-Leira, concelleiro de Cultura

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu hoxe no programa Bocaberta como unha aposta do seu departamento pola dinamización do galego a través das entidades locais e como un “exemplo de cooperación cos concellos no fomento do uso do idioma”. Fíxoo na presentación de dúas das actividades que forman parte deste programa e que mañá visitarán o concello de Vilalba para facer gozar os máis novos coa lingua galega.

Anxo Lorenzo asegurou que “Bocaberta 2010-2011 trae consigo un renovado interese da Secretaría Xeral de Política Lingüística por traballar man a man cos concellos” e por contar coa súa colaboración na planificación das actividades. Así mesmo, precisou que “a aposta pola dinamización a través do ámbito local cadra coa pretensión que sempre tivo Bocaberta de dirixirse ao maior número de rapazas e de rapaces de todo tipo de poboacións: urbanas, vilegas e rurais”.

Outras vías de actuación no ámbito local

Este camiño de colaboración cos concellos vai acorde con outras vías de actuación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixe ao ámbito local, como a Rede de Dinamización Lingüística ou a orde de subvencións destinada a fomentar o uso do galego desde os municipios.

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe as actividades musicais En clave de conto e Azou no concello de Vilalba, acompañado polo alcalde do municipio, Gerardo Criado, e por Xosé Manuel Aldea, director executivo de Ouvirmos, empresa que colabora coa secretaría xeral na actividade Azou.

747 actividades nos 315 concellos

Bocaberta é unha iniciativa coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. O programa, que botou a andar o pasado mes de outubro, levará ata maio 747 accións por todos os concellos de Galicia.

Mañá visitará Vilalba coa actividade Azou, destinada a rapaces e rapazas de 12 a 18 anos. O mellor do hip-hop en galego chegará a través do obradoiro e do concerto que conforman esta actividade e que terán lugar no Auditorio Municipal ás 18:00 horas e ás 19:00 horas, respectivamente.

En clave de conto tamén estará mañá en Vilalba. Se a semana pasada facía gozar os nenos e nenas do concello co seu concerto “A nena e o grilo”, agora regresa co obradoiro musical “Eu falo así”, que terá lugar na Biblioteca Pública ás 18:00 horas.

Menús News node R