Cultura e Educación modifica os concertos para o vindeiro curso para adaptalos ás necesidades educativas de cada zona

Ven, 12/08/2016 - 15:25

Como en anos anteriores a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se modifican os concertos educativos correspondentes ás etapas de Educación Infantil, Primaria, ESO, Educación Especial, FP Básica e Ciclos Formativos de Grao Medio e Grao Superior para o curso 2016-2017.

Deste xeito, logo dos axustes necesarios tendo en conta as necesidades educativas, sobre todo nas localidades de grande densidade de poboación escolar, o vindeiro curso haberá no sistema educativo galego un total de 3.892 unidades concertadas. A modificación destes concertos inclúe a derivada da transformación ou implantación de ciclos formativos de formación profesional cunha duración de 2000 horas lectivas distribuídas en 2 anos académicos, o que implica o necesario incremento de 1 curso nos ciclos afectados.

A modificación prodúcese de conformidade co recollido na Orde do 14 de febreiro de 2013 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime xurídico de concertos educativos para os curso 2013/2014 a 2016/2017, que prevé que estes poderán modificarse dentro do seu período de vixencia seguindo o procedemento establecido e tanto a instancia de parte como de oficio, realizándose, en consecuencia, os axustes pertinentes á vista das solicitudes formuladas polas titularidades dos centros e a súa matrícula.