Anxo Lorenzo presenta unha nova publicación do Centro Ramón Piñeiro que inclúe materiais inéditos sobre Uxío Novoneyra

Celebración de Uxío Novoneyra, II (1930-1999) complementa un proxecto editorial iniciado en 2010 que afonda na figura e na obra do escritor

Mér, 26/01/2011 - 17:58
Portada de Celebración de Uxío Novoneyra, II (1930-1999)
Portada de Celebración de Uxío Novoneyra, II (1930-1999)

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presenta esta tarde na Biblioteca Penzol de Vigo a obra Celebración de Uxío Novoneyra, II (1930-1999). Xunto co secretario xeral, está previsto que participen o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e os coordinadores da obra Luís Alonso Girgado e Luís Cochón.

Celebración de Uxío Novoneyra, II (1930-1999), que vén de ser publicado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, inclúe materiais inéditos que afondan na figura e na obra do escritor do Courel. Trátase do segundo volume de Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), un proxecto editorial iniciado en 2010 por este centro de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que supón un importante paso na bibliografía crítico-textual do poeta do Courel.

Novos materiais inéditos

Unha parte fundamental da obra constitúena os inéditos en prosa, textos ou discursos nos que a cuestión da lingua e os poemas do propio autor ocupan un posto preferente. Estes novos inéditos, que veñen sumarse aos publicados no primeiro volume, están máis centrados na obra literaria ou pictórica de nomes como os de Fole, Cunqueiro, Méndez Ferrín, Luís Seone, Lueiro Rei, Cuña Novás, Lourés, Manuel Coia e outros, moitos deles amigos do escritor.

Por outra banda, a obra inclúe novos datos bio-bibliográficos do poeta e dá conta, por exemplo, da memoria de licenciatura que sobre Os eidos se presentou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Valladolid en 1978. A publicación tamén recolle a listaxe de novidades ou reedicións de estudos e ensaios sobre a obra de Uxío Novoneyra publicados durante o 2010, ano no que tivo dedicado o Día das Letras Galegas.

O apartado epistolar do primeiro volume increméntase agora subdividido de acordo cos diferentes destinatarios (Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e outros). No caso de Ramón Piñeiro, as cartas acompáñanse de poemas logo integrados en Os eidos ou nas Elexías do Courel ou ben inéditos, variantes en moitos casos. Un apartado sobre autopoética complementa a obra, que foi coordinada por Luís Alonso Girgado e Luís Cochón.

Achegar a obra de Novoneyra ao lector

A través do proxecto editorial Celebración e Celebración II, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro, pretende achegar o lector á figura de Uxío Novoneyra, así como favorecer un mellor e maior recoñecemento da obra do escritor.

Menús News node R