O director xeral de Educación coñeceu de primeira man a situación da Formación Profesional na comarca de Ferrol

Jose Luis Mira visitou hoxe os IES Terra de Trasancos e Ferrolterra

Mér, 26/01/2011 - 14:57
Jose Luis Mira na visita de hoxe aos IES Terra de Trasancos e Ferrolterra
Jose Luis Mira na visita de hoxe aos IES Terra de Trasancos e Ferrolterra

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, coñeceu hoxe de primeira man a oferta educativa de Formación Profesional da comarca de Ferrol, durante a súa visita aos IES Terra de Trasancos (Narón) e Ferrolterra. Mira Lema tamén mantivo contactos e entrevistas con empresarios dos 11 concellos da comarca.

A primeira hora da mañá o director xeral de Educación, acompañado polo subdirector xeral de FP, Manuel Corredoira, estivo no IES Terra de Trasancos, o único centro de Narón que ofrece ensinanzas de FP, nomeadamente o grao medio en Xestión administrativa e o grao superior en Administración e finanzas.

Despois desprazáronse ata o IES Ferrolterra, que conta cunha das ofertas máis amplas da zona. De feito, neste centro pódense cursar os ciclos formativos de grao medio en Fabricación á medida e instalación de carpintaría e moble, Electromecánica de vehículos, Instalacións eléctricas e automáticas, Instalacións de telecomunicacións, Mecanizado, Soldadura e caldeiraría, e Carrozaría; así como módulos no réxime de adultos dos graos medios en Instalacións de telecomunicacións, Instalacións eléctricas e automáticas, Soldadura e caldeiraría, e Programación da produción en fabricación mecánica. Respecto dos ciclos superiores, este centro oferta os de Instalacións electrotécnicas, Desenvolvemento de produtos electrónicos, Construcións metálicas, Deseño en fabricación mecánica , e Automoción (LOE). En ambos os dous institutos pódese estudar tamén o Programa de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións.

Encontro cos axentes sociais

Durante estas visitas, os representantes da Consellería interesáronse polas necesidades educativas destes centros e da oferta de Formación Profesional da comarca de Ferrol. Nesta mesma liña, reuníronse posteriormente cun grupo de empresarios dos 11 Concellos de Ferrolterra, representantes da Asociación de empresarios Ferrolterra, Asociación de empresarias da Comarca de Ferrol, a Asociación comarcal de empresarios da construción de Narón, a Asociación de empresarios Rio do Pozo, a Asociación polígono As Lagoas, a Asociación de comerciantes de Narón, Jóvenes empresarios, Iniciativa empresarial do Noroeste, a Fundación Ferrol- metrópoli, e a Confederación de empresarios  de Ferrolterra, Eume y Ortegal.

O obxectivo deste encontro é que a Consellería poida coñecer as demandas dos sectores produtivos da comarca en relacións cos profesionais formados na FP, e poder orientar así mellor estas ensinanzas, o que repercutirá no beneficio do alumnado e nunha mellora do seu acceso ao mundo laboral. Estas entrevistas son mostra da vontade da Consellería de Educación por achegarse a todos os axentes sociais implicados no ensino en prol da calidade do sistema educativo.

Con estas visitas a Consellería de Educación dá conta da súa aposta pola FP, que está a gañar peso no sistema educativo galego como unha opción de futuro e de acceso ao mundo laboral. Así mesmo, a Consellería continúa a buscar as achegas das empresas respecto do tipo de titulados que precisan para facer avanzar os sectores produtivos galegos.