A Consellería de Educación e Novacaixagalicia outorgan os premios extraordinarios de ESO ao esforzo e ao rendemento académico do curso 2009/2010

En cada unha das categorías resultaron galardoados 20 alumnas e alumnos

Lun, 24/01/2011 - 14:37

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e NovaCaixaGalicia – a través dun convenio que se vén asinando desde hai anos con Caixa Nova- veñen de outorgar os premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) nas categorías de esforzo e superación persoal por unha banda, e de rendemento académico por outra. Os 40 premios, 20 en cada modalidade, están dirixidos ao alumnado que estudou durante o curso 2009-2010 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os galardoados recibirán unha dotación económica e un diploma acreditativo. O acto de entrega dos premios, outorgados a partes iguais pola Consellería e a nova caixa, celebrarase nas vindeiras semanas.

Superación e rendemento

Coa convocatoria de premios ao esforzo e á superación persoal búscase recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais do alumnado dos niveis da educación básica, co fin de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrado. Así, os gañadores son alumnas e alumnos que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural.

Respecto da modalidade de rendemento académico, os candidatos debían ter unha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos. Ademais, tiveron que superar unha proba, realizada o pasado 30 de novembro nas capitais de provincias. Neste exame, estruturado en dúas partes, valorouse os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, a través de cuestións referidas ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas; e unha a escoller de entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía e latín.

Con estes premios a Consellería de Educación e NovaCaixaGalicia queren fomentar entre o alumnado a cultura do esforzo no estudo, reforzando aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo, e xuntando excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.