A Consellería de Educación adxudica de forma provisonal a construción do IES de Milladoiro

O novo centro foi adxudicado por un importe que supera os 5,3 millóns de euros

Ven, 21/01/2011 - 18:14

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adxudicou hoxe de forma provisional a construción do novo IES do Milladoiro, un centro que contará con 16 unidades de ESO e 3 de Bacharelato.

Tal e como explicou o secretario xeral da Consellería, tras unha reunión mantida co alcalde de Ames,  a obra – a cuxo concurso se presentaron 51 empresas- foi adxudicada por un importe de máis de 5,3 millóns de euros, e ten un prazo de execución de 16 meses. A partires desta adxudicación provisional ábrese un prazo de 15 días despois do que, de non presentarse os recursos previstos pola lexislación, procederase á confirmación mediante a adxudicación definitiva.

CEIP do Milladoiro

O secretario xeral da Consellería de Educación e o alcalde Ames aproveitaron a reunión desta mañá para estudar unha proposta municipal sobre a implantación dun novo CEIP no Milladoiro.

Para a construción deste colexio, o Concello ofertou á Consellería unha parcela de 16.765 metros cadrados, na que se inclúe a ampliación do viario, accesos e aparcamento, ubicada no núcleo urbano do Milladoiro. Porén, segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal amiense, esta parcela está cualificada como solo rústico apto para urbanizar; polo que a Consellería invitou ao Concello a proceder á modificación da actual clasificación do solo, coa finalidade de obter a cualificación urbanística para poder construír nel o centro.

Diante da imposibilidade da aceptación deses terreos no estado actual, o Concello formulou á Consellería dúas alternativas, unha delas inviable para a Consellería. Á espera de que se solvente esta situación, a Consellería lembra que respecta a lexítima potestade e capacidade do Concello a este respecto, a quen lle compete a planificación e modificación urbanística do territorio municipal.

En todo caso, o secretario xeral de Educación recalcou o compromiso da Consellería coa comunidade educativo de Ames, dando resposta ás necesidades de escolarización da súa poboación.