A Consellería de Educación asina un acordo coa Fundación María José Jove a prol da sensibilización en torno á adopción

A través deste convenio a Consellería apoia a iniciativa, con visitas de estudantes de Educación Primaria

Ven, 21/01/2011 - 16:59
A Consellería de Educación asina un acordo coa Fundación María José Jove
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, veñen de asinar un convenio para a difusión dunha campaña de sensibilización sobre adopción para escolares galegos. No acto, no que se deu conta do documento , tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, e o director para Galicia e Asturias de Caja Mediterráneo, David Martís.

Tras asinar o convenio o conselleiro recordou que “resulta vital que as novas xeracións tomen conciencia dunha realidade social que se está a vivir como é a adopción”, ao que engadiu que “iniciativas como estas axudan a ter nenas e nenos máis formados de acordo co mundo no que están a vivir”.

Ideas sobre a adopción

O obxectivo deste acordo é dar a máxima difusión a unha mostra na que se exporán debuxos e diversos materiais gráficos realizados por nenas e nenos adoptados que, xunto ás súas familias, participaron nas sesións didácticas infantís do ciclo “A adopción: pasado, presente e futuro”, organizado pola propia fundación, e nos que os participantes reflectiron a súa visión sobre a adopción. A exposición, que estará situada na sede da Fundación María José Jove na Coruña, poderá ser visita desde mañá ata finais de xuño por estudantes galegos de Educación Primaria.

Todos os materiais expostos, son o resultado das conferencias e talleres desenvolvidos ao longo de 2010. O conxunto de todas estas actividades serán recollidas nunha serie de ‘Cadernos didácticos’ que serán empregados para reforzar tanto as actividades formativas dos profesores como os coñecementos que posúen os rapaces de todo o relativo á adopción.

Proxecto pioneiro

Cómpre recordar que “A adopción: pasado presente e futuro” é un proxecto pioneiro en España posto en marcha, no 2010, entre as fundacións María José Jove e Rose Caja Mediterraneo e que agora conta co apoio da Consellería de Educación.

A través deste convenio a Consellería volve demostrar o seu interese en apoio todos aqueles proxectos que permitan aos estudantes galegos ter unha visión máis ampla da realidade social na que están a medrar, neste caso centrados no coñecemento e sensibilización en torno á adopción.