A Consellería de Educación reúne a 230 docentes nas Xornadas sobre Programas de Aprendizaxe Permanente

O encontro, que se clausurou hoxe, celebrouse no Centro de Formación e Recursos da Coruña

Xov, 20/01/2011 - 21:41
A Consellería de Educación reúne a 230 docentes nas Xornadas sobre Programas de
A Consellería de Educación reúne a 230 docentes nas Xornadas sobre Programas de

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de reunir a 230 docentes nas Xornadas sobre Programas de Aprendizaxe Permanente (PAP), unha iniciativa nacida ao abeiro do Parlamento Europeo e o Consello de Europa.

A Consellería estivo representada na clausura das xornadas polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, quen explicou o valor do PAP ao contribuír á creación dunha sociedade do coñecemento avanzada, máis e mellores posibilidades de emprego e maior cohesión social; co fin de facilitar o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas de educación e de formación dos países europeos participantes no programa, de xeito que se converta nunha referencia de calidade no mundo.

Así mesmo, o director xeral de Educación lembrou que “os obxectivos do PAP enlazan coas liñas prioritarias de traballo da Consellería”, polo que a Administración educativa difunde e promove as súas accións dentro do Plan anual de formación do profesorado, a través das xornadas que hoxe se clausuraron.

Programas sectoriais

Neste encontro os participantes realizaron unha análise das diferentes accións dos programas sectoriais que compoñen o PAP, nomeadamente os programas Comenius, Erasmus, Leonardo, Grundtvig,  Programa transversal e ETwinning, dirixidos ao alumnado e profesorado de todos os niveis educativos.

Deste xeito, e a través dos diferentes relatorios, os asistentes puideron coñecer os diferentes obxectivos perseguidos por estas accións entre os que destacan a mellora da motivación do alumnado, e o fomento da mobilidade de profesores e alumnos entre os países europeos, co fin de difundir os resultados e boas prácticas entre os centros dos países participantes no proxecto.

Así meso fíxose referencia á contribución que o PAP fai á mellora das competencias profesionais do alumnado e os docentes, favorecendo a inserción laboral, aumentando a transparencia e compatibilidade entre os estudos de educación superior en toda Europa – por exemplo a través dos créditos ECTS- , e coa promoción da aprendizaxe ao longo da vida, ferramenta fundamental para as sociedades do coñecemento avanzadas