A Xunta prevé realizar 2.400 actividades para actualizar a formación de preto de 20.000 docentes

Román Rodríguez presentou as liñas mestras para o vindeiro curso 2016/2017, no que por primeira vez todo o plan se deseña en base ás competencias que deben adquirir os docentes para axudalos no desenvolvemento da súa profesión

Ao abeiro destes programas anuais realizáronse preto de 8.200 actividades formativas desde 2012, ofertáronse 215.000 horas e outorgáronse máis de 140.000 certificados de formación

O conselleiro salientou tamén a aposta dos centros por desenvolver o seu propio plan, pasando dos 68 no curso 12/13 aos preto de 300 actuais que xa o teñen

Mar, 12/07/2016 - 12:03
A Xunta prevé realizar 2.400 actividades para actualizar a formación de preto de 20.000 docentes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación prevé realizar o curso que vén 2.400 actividades de formación destinadas a preto de 20.000 docentes. Así o destacou hoxe o conselleiro Román Rodríguez con motivo da presentación do programa do curso 2016/2017 que, como principal novidade, deseña todos os contidos en base ás competencias que deben adquirir os docentes para axudalos no desenvolvemento da súa profesión, entre as que destaca a potenciación das competencias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática).

Deste xeito, o novo plan establece por primeira vez un marco xeral de competencias profesionais docentes (entre as que se inclúen as competencias en TIC, ser interlocutor e guía no proceso de ensino e aprendizaxe, etc.), que favorecerán a mellora dos programas de formación, unha liña de traballo que a Consellería iniciou o curso pasado e que agora se ve reforzada.

Neste contexto, tamén compre lembrar a posta en marcha dun programa Erasmus +, en conxunto con cinco países da UE, que permitirá concretar aínda máis este marco competencial; así como o desenvolvemento dun grupo de traballo conxunto coas universidades galegas para analizar as necesidades no desempeño profesional dos futuros docentes.

Afondar nas linguas estranxeiras, nas TIC e na convivencia

Tal e como explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, así como por diferentes representantes do seu departamento, este novo programa axudará a personalizar a traxectoria formativa do docente nas diferentes fases.

Ademais, fundaméntase en dez obxectivos principais: acompañar aos docentes na implantación dos novos currículos e das novas materias de libre configuración, impulsar os plans de formación permanente nos centros, mellorar a competencia lingüística en linguas estranxeiras, potenciar os itinerarios formativos TIC, promover a atención á diversidade, mellorar a convivencia escolar, favorecer iniciativas formativas no ámbito STEM como nova liña de traballo, establecer accións de formación específica nas funcións directivas, incrementar a oferta en rede e potenciar os procesos de innovación educativa. 

Máis de 12 actividades diarias

Durante a súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia aproveitou para facer un balance do último curso, así como dos logros acadados durante os últimos anos. Deste xeito, no 2015/2016 organizáronse 2.224 actividades formativas, un 6,5% máis que o ano anterior, o que supón máis de 12 actividades diarias por día lectivo. No 60% dos casos, as accións desenvolvéronse no entorno dos propios centros. Ao abeiro destas accións formáronse máis de 19.200 docentes, o que supón o 60% do profesorado galego. O número de horas superou as 57.000 e outorgáronse máis de 39.000 certificados de formación.

Román Rodríguez subliñou que ao longo destes últimos catro anos se avanzou significativamente na formación permanente do profesorado. En concreto, leváronse a cabo un total de 8.148 actividades formativas, un 17% máis que no período anterior; ofertáronse 215.000 horas, un 6% máis; e outorgáronse preto de 143.000 certificados de formación, fronte aos 120.000 anteriores. Ademais, a valoración das actividades foi superior, pasando do 4,06 ao 4,15 de media sobre cinco puntos.

Maior autonomía dos centros

A maiores, tamén cómpre destacar a aposta dos centros educativos por desenvolver o seu propio plan de formación, establecendo así accións concretas vinculadas ás necesidades dos seus proxectos educativos. Deste xeito, e mentres que no curso 2012/2013 só había 68 centros con plans específicos, hoxe xa son 297 os que o teñen, un número que se incrementará o vindeiro ano académico, posto que para o curso 2016/2017 xa se recibiron un total de 427 solicitudes. Isto amosa, en palabras de Román Rodríguez, “a forte implicación do profesorado na súa actualización continua”.