A Consellería de Educación regula por primeira vez o funcionamento dos conservatorios de música e danza

O DOG publica hoxe o primeiro regulamento orgánico que dá resposta ás características singulares destes centros

Mér, 19/01/2011 - 11:52

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o regulamento orgánico (ROC) de conservatorios de música e de danza, co que a  Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dota por primeira vez a estes centros dun regulamento que prevé as súas especificidades; un ROC que será de aplicación aos conservatorios de música e de danza de titularidade das entidades locais, e aos centros privados de ensinanzas de música e de danza. Así, neste ROC establécese para estes centros un marco de organización, funcionamento e goberno diferenciado dos centros docentes públicos que imparten ensinanzas de réxime xeral.

Deste xeito os conservatorios disporán dunha regulación específica que lles permita poñer en marcha dinámicas de funcionamento propias, nas que concretan tanto os aspectos relacionados co seu goberno e administración coma aqueles de tipo organizativo que permitan realizar de maneira singular as actividades académicas e artísticas propias destes centros. Así, o texto hoxe publicado no DOG, regula a nivel autonómico os criterios comúns para a organización e funcionamento dos conservatorios de música e de danza, dentro do marco de autonomía tanto no pedagóxico, a través da elaboración dos seus proxectos educativos, como no que respecta á xestión económica dos recursos e á elaboración das súas normas de organización e funcionamento.

Por outra banda, e co fin de garantir a calidade e promover a excelencia dos conservatorios de música e de danza, o Decreto establece a realización de avaliacións internas, por parte de cada centro, e externas, co fin de pescudar o nivel de logros destes centros docentes públicos de acordo cos requirimentos sociais da formación nas ensinanzas profesionais de música e de danza. A información obtida mediante estas avaliacións ha permitir determinar os elementos que actúan sobre a eficiencia e a eficacia dos conservatorios de música e de danza para, en consecuencia, ratificalos, modificalos ou substituílos coa finalidade de asegurar a calidade dos mesmos.

Tarefa pendente

Coa publicación deste ROC a Consellería de Educación dá resposta ás características singulares dos conservatorios de música e de danza, dotándoos dun marco de organización, funcionamento e goberno diferenciado dos centros docentes públicos que imparten ensinanzas de réxime xeral.

A elaboración de regulamentos orgánicos para os conservatorios de música e danza era unha tarefa pendente, que este Goberno desenvolveu en pouco máis dun ano, dotando a estes centros das súas propias normas de funcionamento e de organización, co que se consigue unha garantía de calidade para os estudantes dos conservatorios, que redundará nuns titulados cunha mellor preparación. Este ROC únese ademais ao xa aprobado para as Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia, dotando tamén por primeira vez a estes centros e ás súas seccións dun regulamento orgánico que prevé as súas especificidades.