Educación destina 1,2 millóns para facilitar o comedor e o transporte a alumnos con discapacidades

Román Rodríguez e diversas entidades de atención á diversidade asinaron addendas aos convenios de colaboración postos en marcha no curso 2015/2016

Ao abeiro destes acordos, o vindeiro curso beneficiaranse 378 usuarios de transporte e outras 383 persoas do servizo de comedor

Ven, 01/07/2016 - 12:03
Educación destina 1,2 millóns para facilitar o comedor e o transporte a alumnos con discapacidades
Educación destina 1,2 millóns para facilitar o comedor e o transporte a alumnos con discapacidades

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e os representantes de diversas asociacións de atención á diversidade asinaron hoxe senllas addendas aos convenios de colaboración postos en marcha no curso 2015/2016 co obxectivo de facilitar o servizo de comedor e de transporte adaptado ao alumnado con discapacidades. Neste sentido, a Consellería destinará máis de 1,2 millóns de euros á prestación destes servizos complementarios, 280.000 euros máis que o ano pasado.

En concreto, no referente ao transporte adaptado beneficiaranse un total de 378 alumnos, 87 máis que no curso que vén de rematar, e mobilizarase un orzamento superior ao millón de euros. Por outra banda, o departamento que dirixe Román Rodríguez facilitará o comedor escolar –cunha achega de 163.148 euros–, a preto de 383 usuarios con discapacidades, tres máis que o ano pasado. En definitiva, a Xunta incrementa tanto o número de usuarios beneficiarios como o orzamento, co fin de facilitar os desprazamentos de ida e volta deste alumnado e o seu día a día no comedor escolar.

Neste contexto, o conselleiro tamén avanzou a próxima sinatura dun novo convenio de colaboración sobre comedor escolar coa Asociación BS A Esperanza do Val Miñor, que se sumará ao xa posto en marcha en materia de transporte. En virtude deste vindeiro acordo beneficiaranse 33 persoas, polo que a cifra final ascendería a 416 usuarios de comedor.  

Asociacións asinantes

As 14 asociacións que participan nesta colaboración son as seguintes: Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor (ACEESCA), Asociación de Atención a la Parálisis Cerebral y Afines AMENCER—ASPACE, Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia AMICOS, Centro Especial de Emprego sen ánimo de lucro ASCM—Ferrolterra, S.L., Asociación de Padres de Personas con Parálisis Cerebral–A Coruña (ASPACE), Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña ASPANAES, Asociación en Favor de las Personas con Discapacidad Intelectual de la Provincia de Pontevedra (ASPANAEX), Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (ASPRONAGA), Asociación Autismo Ourense, Asociación BATA (Bayón, Asociación para el Tratamiento del Autismo), Cruz Roja Española, Asociación BS A Esperanza do Val Miñor, Fundación Menela e Asociación Nuestra Señora de Chamorro.

Desenvolvemento da autonomía persoal

Cómpre salientar que estes convenios enmárcase dentro do compromiso da Xunta de Galicia coa atención á diversidade, exemplificado no decreto 29/2011 e nas diferentes accións e protocolos postos en marcha para garantir unha atención específica e preferente, adaptada ás particularidades e circunstancias deste alumnado.

Esta estratexia, ademais, vese reforzada nos propios espazos escolares, posto que o comedor tamén axuda ao alumando con discapacidades a aprender e desenvolver habilidades que redundarán na súa autonomía persoal, favorecendo así a súa inclusión social.