O conselleiro de Educación clausurou a fase autonómica galega da VI Olimpíada de Bioloxía

Os tres gañadores da proba, na que participaron 106 alumnas e alumnos, serán os representantes galegos na fase nacional do certame

Ven, 14/01/2011 - 19:40
O conselleiro de Educación na clausura da Olimpíada de Bioloxía
O conselleiro de Educación na clausura da Olimpíada de Bioloxía

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe a fase autonómica galega da VI Olimpíada de Bioloxía, que se celebrou na Aula Magna da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC); e na que resultaron gañadores Jorge Gómez Corral (do colexio Cristo Rey, da Coruña ), Javier Martínez  Fernández (do IES de Rodeira, de Cangas do Morrazo) e Carmela Vázquez Calvo (do colexio Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela).

Ao remate da proba, na que participaron 106 estudantes, Vázquez Abad amosou a súa satisfacción ao comprobar “como responsable da Consellería e como educador, que Galicia é unha potencia en bioloxía”. Non en balde, “Galicia foi dúas veces campioa nacional e supera en cinco puntos a media da OCDE en ciencias, segundo os resultados do informe PISA”, lembrou. Así, Vázquez Abad felicitou ás institucións que colaboran na organización desta Olimpíada, na que “os aspirantes mediron os seus coñecementos cun espírito de libre competitividade e de nobre participación que os honra a todos”.

O conselleiro de Educación destacou ademais a importancia deste certame, que “é un estímulo para os nosos xoves no estudo e na investigación no dilatado abano de disciplinas que conforman unha ciencia de grande tradición e, ao mesmo tempo, de moita actualidade pola súa importancia no eido da conservación da natureza e do medio ambiente, na xenética ou na biodiversidade”. Ademais, lembrou que este tipo de certames  fan posible a relación dos alumnos participantes con outros estudantes da mesma idade. “Nesa convivencia, nese descubrimento do outro e de realidades diferenciadas, ides atopar resposta a algunhas das cuestións que hoxe vos preocupan. Estou seguro de que aproveitaredes esta ocasión para ampliar o voso mundo”, engadiu.

Os tres primeiros cualificados hoxe pasarán a representar a Galicia na fase nacional do certame, que se disputará no mes de abril en Granada. Esta fase autonómica foi convocada pola Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB), baixo o patrocinio da Inspección de Educación da Xunta de Galicia, das facultades de Bioloxía das Universidades de Santiago e Vigo, da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, do Colexio de Biólogos de Galicia, e do Grupo de Traballo de Bioloxía da Selectividade (Comisión Interuniversitaria de Galicia).

No acto estiveron ademais presentes o delegado en Galicia da Junta Directiva da OEB, Pedro Nozal;  a inspectora de Educación Berta Estrada Arias; as decanas de Bioloxía de Santiago e Vigo, Mª Luz González Caamaño, e Mª Cristina Arias Fernández, respectivamente; a vicedecana de Ciencias da Coruña, Elvira Sahuquillo Balbuena; a presidenta do Colexio de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal Jiménez;  e a directora do Grupo de Traballo de Bioloxía da Selectividade (Comisión Interuniversitaria de Galicia), Mª Ángeles Bernal Pita.

Paso á fase nacional

Os 106 estudantes (7 de Ourense, 8 da provincia de Lugo, 37 procedentes de Pontevedra e 54 de A Coruña); de 2º de Bacharelato que participaron hoxe na fase autonómica da Olimpíada tiveron que resolver unha proba teórica tipo test e unha proba práctica non manipulativa sobre os contidos de Bioloxía que se imparten na ESO, en 1º de Bacharelato e no primeiro bloque de materia do 2º curso de Bacharelato. Para resolver as preguntas só se lles permitiu introducir na aula útiles de debuxo e escritura, pero non estivo permitidos o uso de calculadoras, libros, táboas ou outros documentos.

Entre os tests, o tribunal delegado da OEB propoñerá aos tres gañadores, que representarán á Comunidade Autónoma na fase nacional. Nesta segunda fase os estudantes realizarán unha proba teórica dos contidos de Bioloxía incluídos nos programas da materia de 1º e 2º de Bacharelato. Os catro primeiros clasificados no certame nacional terán como premio a participación na Olimpíada Internacional de Biología (IBO); mentres que os seguintes catro asistirán á Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía (OIAB), en ambos os casos representando a España.