Valentín García entrega os premios do X Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas

Os centros galardoados son o CPI Plurilingüe de Vedra e o IES A Pinguela de Monforte

Trátase dunha iniciativa da Fundación do polígrafo e galeguista que, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca favorecer o achegamento dos escolares ao patrimonio cultural e lingüístico galego

Mér, 29/06/2016 - 18:20
Valentín García entrega os premios do X Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou este mediodía no acto de entrega de premios da X edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas no Museo do Pobo Galego, unha iniciativa da Fundación Antonio Fraguas Fraguas coa que colabora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Durante a súa intervención, Valentín García incidiu na importancia do estudo da toponimia, que se aborda, a canda outros contidos, en ambos os dous proxectos premiados e lembrou “a urxencia de recoller a nosa microtoponimia, parte relevante do patrimonio inmaterial galego” e “a importancia do voluntariado cultural neste labor, da participación de colexios, asociacións e particulares”, que a Xunta de Galicia vai facilitar mediante unha aplicación que estará dispoñible no novo web toponimia.xunta.gal.

O titular de Política Lingüística estivo acompañado polo presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi González; polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo; e mais pola concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra.

Investigación arredor do patrimonio material e inmaterial

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, promovido pola fundación do mesmo nome e apoiado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten a finalidade de achegar os estudantes ao patrimonio lingüístico e cultural galego.

Nesta X edición resultaron gañadores o CPI Plurilingüe de Vedra co proxecto “Vedr@ medra, unha aposta polo patrimonio inmaterial como eixe de dinamización lingüística e cultural nun centro educativo do rural galego” e o IES A Pinguela de Monforte de Lemos co traballo “Figuras de antonte e de onte. Figuras para o mañá”.

O proxecto do CPI Plurilingüe de Vedra consegue, a xuízo do xurado, non só implicar a comunidade educativa senón tamén distintos axentes sociais e culturais co fin de darlle valor á riqueza lendaria e sobre todo toponímica das parroquias e contorna do Concello de Vedra. Así mesmo, a esta proposta recoñéceselle o feito de estar inscrita no Programa Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais o de contemplar a participación do alumnado dos tres ciclos educativos que se imparten no centro: infantil, primaria e secundaria obrigatoria.

Pola súa banda, o proxecto do IES A Pinguela presenta a novidade de poñer o acento na recollida das manifestacións plásticas na arqueoloxía e na arquitectura tradicional, así como a de procurar a súa proxección cara ao futuro con novas experiencias artísticas.

Os premios están dotados con 7.000 euros cada un que se destinarán a materializar os proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2016-2017 en colaboración co Museo do Pobo Galego, que acollerá as dúas exposicións resultantes do traballo desenvolto ao longo do próximo ano académico.

Menús News node R