O conselleiro de Educación destaca o carácter innovador do anteproxecto de Lei de convivencia, que en febreiro podería entrar no Parlamento

Nunha entrevista na TVG explicou que o obxectivo é xerar un bo clima na aula, para que os docentes poidan realizar a súa tarefa e os estudantes acaden a mellor formación

Ven, 14/01/2011 - 12:11

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o carácter innovador do anteproxecto da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa, coa que se pretende “xerar un clima de convivencia onde o profesor poida realizar a súa tarefa diaria”, sempre co obxectivo de que as alumnas e alumnos acaden a mellor formación. De non xurdir contratempos, o texto legal podería entrar no Parlamento de Galicia a finais de febreiro.

Durante unha entrevista no programa ‘Bos Días’ da TVG, o conselleiro de Educación explicou que Galicia non presenta niveis preocupantes de conflitividade, polo que ocuparse de mellorar a convivencia con carácter preventivo confírelle a este anteproxecto un carácter innovador. Así, entre outros puntos tratados na futura Lei, Vázquez Abad destacou que se trata da primeira norma que recolle o acoso escolar - incluíndo como unha das súas variantes o cyberbulling - desde unha perspectiva preventiva e correctora.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que, segundo datos da OCDE, os profesores empregan o 40% do seu tempo dentro da aula a conseguir un bo clima entre os estudantes. “Isto é moi sintomático; e explicou que esta Lei fora moi demandada, tanto pola sociedade en xeral como pola comunidade educativa en particular”.

Corresponsabilidade das familias

O conselleiro fixo así mesmo fincapé noutro dos aspectos fundamentais da futura Lei, a chamada á corresponsabilidade de todos os implicados na formación do alumnado, tanto os propios estudantes, como os profesores, persoal non docente dos centros e as familias; tanto dentro da aula como en todos aqueles aspectos relacionados coa educación dos rapaces que se desenvolvan fóra do espazo e horario lectivo.

Así, Vázquez Abad lembrou a importancia dunha boa comunicación entre todos os integrantes da comunidade escolar; e de coñecer a opinión por vía participativa de nais e pais, para que a Administración educativa poida poñer en marcha novas iniciativas e proxectos. En todo caso, o conselleiro aclarou que a participación das familias “non interferirá na autonomía dos centros nin na liberdade pedagóxica e docente dos ensinantes”.

Consenso da sociedade

Respecto dos trámites a seguir polo borrador de anteproxecto, o conselleiro de Educación lembrou que o texto está na fase de recepción de alegacións tanto do Consello Escolar como do Observatorio da Convivencia. Despois pasará ao Consello da Xunta e ao Parlamento de Galicia. “O obxectivo é recoller as suxestións de toda a sociedade e acadar o maior consenso posible”, explicou o conselleiro.