Cultura e Educación e Aspanaes colaborarán para reforzar a atención ao alumnado con trastorno do espectro do autismo (TEA)

Ao abeiro deste acordo os centros docentes poderán solicitar a colaboración do persoal profesional desta entidade

Xov, 23/06/2016 - 13:58
Cultura e Educación e Aspanaes colaborarán para reforzar a atención ao alumnado con trastorno do espectro do autismo (TEA)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; asinou hoxe un convenio de cooperación educativa coa Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA) da provincia da Coruña (Aspanaes) para colaborar na atención do alumnado con TEA, ou con calquera outra síndrome ou trastorno relacionado, así como para o apoio aos seus docentes e familias. Este convenio afonda na liña de reforzo da atención ao alumnado con necesidades específicas que, neste caso, ten como base o Protocolo de tratamento educativo ao alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego, publicado pola Consellería de Cultura e Educación e elaborado conxuntamente coas asociacións e colectivos implicados nesta diversidade. Así mesmo, a Consellería colabora tamén neste sentido coa Fundación Menela, BATA ou Asperga, a través tamén de convenios de cooperación educativa.

Ao abeiro deste convenio ambas as partes promoverán a sensibilización e a difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con TEA. Así mesmo, a Consellería impulsará a formación do profesorado nesta materia, de acordo coa asociación, cuxo persoal poderá tamén prestar apoio nos centros de ensino que conten con alumnado con estas necesidades especiais. As actuacións do persoal especialista de Aspanaes nos centros docentes entenderase dentro do principio de colaboración entre todas as persoas que atenden a un mesmo alumnos e coa finalidade de facilitarlle unha atención educativa inclusiva e axustada á súa particular forma de ser e de aprender.

Acadar o maior éxito escolar

Os centros docentes poderán solicitar a colaboración do persoal profesional de Aspanaes, que poderá artellarse tanto a través do asesoramento na atención educativa a estes estudantes, como na orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa, ou da información e formación naqueles aspectos que o persoal dos centros docentes requira a este respecto.

O obxectivo é acadar o maior éxito escolar posible destes estudantes, unindo forzas e recursos. Neste sentido, Aspanaes é unha entidade non lucrativa de acción social fundada en 1979 que traballa para apoiar ás persoas con autismo e ás súas familias, creando oportunidades para mellorar a calidade da súa vida, á par que promoven a sensibilización da poboación arredor deste trastorno. Na actualidade a súa base social está formada por máis de 2.200 persoas e atenden a 402 na súa rede de centros e servizos.

Protocolo de orientación e intervención

O Protocolo de tratamento educativo do alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) foi publicado este curso co fin de servir como ferramenta para guiar a actuación de profesionais do ensino e familias.

Deste xeito, o documento busca establecer o camiño que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios e procura, tamén, orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación dese alumnado. A tal fin, articúlase en diferentes epígrafes centrados no concepto do TEA (conforme co manual de trastornos mentais DSM-5), a diagnose do mesmo, o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de seguimento e avaliación. Finalmente achégase un pequeno glosario de termos ou conceptos utilizados ao longo do documento, referencias bibliográficas e tres anexos con textos que poden servir de axuda como indicadores do trastorno, con probas específicas de screening e cun esquema que sintetiza ou orienta o percorrido que cómpre seguir ante a sospeita dun caso de TEA.