A avaliación de diagnóstico de Galicia para o curso 2010/2011 incluirá probas sobre o coñecemento e a interacción do alumnado co mundo físico

Inclúese así unha nova competencia, nunhas probas que avaliarán ademais as competencias en comunicación lingüística e matemática

Sáb, 01/01/2011 - 11:15

A proba de avaliación de diagnóstico da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2010/2011, que se realizará o vindeiro mes de maio, avaliará unha nova competencia, a de coñecemento e interacción do alumnado co mundo físico, que se unirá ás outras probas, que xirarán arredor das competencias lingüística e matemática.

O 100% das alumnas e alumnos de 4º de Primaria e 2º da ESO participarán nestas probas, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizará por segunda vez, tal e como determina a Lei Orgánica de Educación (LOE), ao finalizar o segundo ciclo de educación primaria e os segundo curso de educación secundaria obrigatoria.

O obxectivo é obter información sobre o estado do sistema educativo galego, co fin de solventar as súas eivas, e acadar o máximo nivel de calidade e excelencia do ensino. Ademais, estas probas cumpren cunha función de transparencia e de reflexión sobre o funcionamento das políticas educativas.

Unha vez rematado o proceso de corrección, os centros educativos terán ao seu dispor un informe de resultados no que constará a puntuación xeral acadada polo centro en cada unha das competencias avaliadas. Así mesmo, o profesorado informará ás familias dos estudantes avaliados dos resultados globais acadados polo centros; pero en ningún caso ditos resultados poderán ser utilizados para o establecemento de clasificacións entre eles.

Tendo en conta o carácter formativo e orientador que ten esta avaliación para os centros, e atendendo ao análise dos seus resultados, cada centro establecerá medidas de optimización e mellora do propio proxecto educativo, e unha revisión do desenvolvemento do currículo de cada etapa.

Competencias avaliadas

Para o desenvolvemento das probas a Consellería de Educación porá a disposición dos colexios e institutos a aplicación informática ‘avaldia’, para o apoio na xestión do proceso relacionado coa avaliación de diagnóstico.

Os estudantes empregarán caderniños diferentes para cada unha das competencias avaliadas, neste caso a matemática, a de coñecemento e interacción co mundo físico, e a de comunicación lingüística.

Será o propio centro quen seleccione o profesorado encargado de corrixir os caderniños, para o que disporán dun manual de aplicación e corrección como axuda.