Máis de 500 rapaces afondarán mañá no Gaiás nos atractivos e potencialidades das novas tecnoloxías e nas prácticas seguras no uso da internet

A Consellería de Cultura e Educación organiza a xornada ‘Cidadanía e coñecemento dixital’ para promover as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado de secundaria e favorecer un uso responsable das TIC, na mesma liña na que se desenvolven programas como ‘Navega con Rumbo’.

Lun, 30/05/2016 - 14:02

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza mañá na Cidade da Cultura de Galicia a xornada ‘Cidadanía e coñecemento dixital’, un encontro no que máis de 500 estudantes de ESO afondarán nos atractivos das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), nas potencialidades que teñen para o seu desenvolvemento como profesionais no futuro, así como nun uso responsable das mesmas, na mesma liña na que xa se traballa en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) co programa ‘Navega con Rumbo’.

Así mesmo, tratarán de fomentar as vocacións tecnolóxicas da rapazada, as coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas), co fin de mellorar o índice de coñecemento xeral en ciencia e tecnoloxía, así como de alumnos de titulacións destes eidos. Neste sentido cómpre lembrar que o Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia” indica que o índice de titulados nas Universidades galegas en estudos relacionados co ámbito científico tecnolóxico non será suficiente nos próximos 5 anos para cubrir a demanda de profesionais do sector TIC, xa que só un 8,5% dos alumnos matriculados no sistema universitario galego cursa carreiras do ámbito científico tecnolóxico. Polo tanto, búscase promover estas ensinanzas, coincidindo coa crecente demanda de emprego no sector TIC a nivel rexional, estatal e europeo.

A cita desenvolverase no complexo do Gaiás a partires das 10 horas e estruturarase arredor de obradoiros e de diferentes charlas, especialmente estas en materia de seguridade no emprego da internet e, concretamente, das redes sociais. Os obradoiros serán impartidos por profesionais do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia, por alumnado do último curso da enxeñería en Telecomunicacións da Uvigo baixo a dirección dos seus profesores universitarios, no marco dun programa de mentorazgo de alumnado e fomento das vocacións científico-tecnolócas e por un  grupo de alumnos de ESO do IES David Buján, baixo a coordinación do seu profesor José Viñas(Cambre, A Coruña).

Os medios de comunicación interesados en cubrir o acto poderán achegarse ao Gaiás e presenciar o desenvolvemento dos talleres. Os rapaces participantes proceden de 10 centros: os IES Valadares (Vigo), Teis (Vigo), Vilalonga (Sanxenxo), Laxeiro (Lalín), Blanco Amor (Ourense), A Basella (Vilanova de Arousa), As Mariñas (Betanzos), Agra das Raíces (Cee), e os CPI Atios (Valdoviño) e Castroverde (Castroverde).

Colaboración do CPEIG e coa UVigo

No caso do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, ofrecerán actividades para achegar ao alumnado á linguaxe de programación SCRATCH, unhas ensinanzas que este curso xa se imparten en 10 centros educativos da rede Abalar ao abeiro de ‘Programación nas escolas’, en colaboración co CPEIG.

Así mesmo, traballarase cos ‘Lego Mindstorms’,  uns xoguetes de robótica cos que se pode avanzar sobre teorías e operacións básicas neste eido, como a construción destes robots e programación de accións sinxelas.

Pola súa parte, o alumnado de último curso de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo actuará como ‘mentor’ dos  rapaces e rapazas que asistan aos seus obradoiros nesta  xornada, a través de actividades coas que tratarán de fomentar as súas vocacións tecnolóxicas, poñéndose a si mesmos e ás actividades que desenvolven na facultade como exemplo.

Experiencias dos alumnos

Por outra banda, o profesor José Viñas, do IES David Buján (Cambre) coordinará, durante  a xornada a presentación dos traballos e proxectos que se desenvolven no seu centro, tanto no marco do traballo de aula como no clube de ciencia. Ademáis de amosar diferentes proxectos de investigación e de “Ciencia Cidadá”, tales como as aplicacións móbiles realizadas polo propio alumnado para diversas investigacións tanto galegas como nacionais e internacionais,  ou o uso de microcontraladores como Makey-Makey na creación de dispositivos electrónicos e dixitais,participará tamén  Eduardo Santos, estudante deste centro que recreou con materiais reciclados o robot da película ‘A Guerra das Galaxias’, R2D2, explicando a xestación e realización do proxecto