Proposta de concesión das axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2016, co obxecto de coñecer a lingua dese país

Lun, 30/05/2016 - 09:54

De acordo co establecido nas bases da convocatoria, a Comisión Avaliadora acordou, con data de 27 de maio de 2016, elevar ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a seguinte proposta de concesión de axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2016, co obxecto de coñecer a lingua dese país.

De conformidade co disposto no artigo 12 da orde da convocatoria unha vez realizado o curso os beneficiarios deberán de presentar na Secretaría Xeral de Universidades, antes do 10 de setembro de 2016, a seguinte documentación:

a) Orixinal ou copia cotexada do certificado de asistencia ao curso para o cal lle foi concedida a axuda. O certificado deberá especificar o lugar, datas de realización, duración do curso (mínimo tres semanas) e o número de horas lectivas semanais (mínimo 15 horas semanais). No caso de estar en lingua estranxeira deberá traducirse para algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma.

b) Orixinal ou copia cotexada da documentación acreditativa dos gastos derivados do desprazamento de ida e volta do país de orixe ao país de destino.

Rematado ese prazo sen presentar a documentación xustificativa procederase ao reintegro das cantidades percibidas.

Os adxudicatarios que rexeiten a bolsa deberán de achegar, nun prazo de 5 días, á Secretaría Xeral de Universidades o documento de renuncia que se atopa no seguinte enlace https://sede.xunta.es/modelos-normalizados para proceder á concesión da bolsa aos solicitantes que figuran na listaxe de suplentes.

Esta listaxe faise pública exclusivamente a efectos informativos. Proximamente publicarase no Diario Oficial de Galicia a Orde de resolución coa listaxe oficial de concedidos e denegados.