Tres novas normas UNE-ISO promoverán o uso da lingua galega no tecido socioeconómico

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da tradución ao galego das 9001:2015, 9004:2009 e 14001:2015

O proxecto ve a luz grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC e Aenor e será reforzado nos vindeiros meses coa colaboración da Xunta de Galicia

Mér, 25/05/2016 - 19:45
Tres novas normas UNE-ISO promoverán o uso da lingua galega no tecido socioeconómico
Tres novas normas UNE-ISO promoverán o uso da lingua galega no tecido socioeconómico

Tres novas normas UNE-ISO promoverán desde hoxe o uso da lingua galega no tecido socioeconómico, grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Aenor. Trátase das normas 9001:2015, 9004:2009 e 14001:2015, tres das de maior proxección de todas as comercializadas pola firma que xa están dispoñibles na súa versión en galego no catálogo Aenor.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, destacou a importancia desta iniciativa para a dinamización do idioma propio de Galicia no ámbito empresarial e económico, “ao considerala un paso adiante no camiño da normalización lingüística e empresarial”. En palabras do secretario xeral, esta iniciativa “é de especial relevancia no Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico 2015-2020 que puxo en marcha a Xunta de Galicia a finais do ano pasado e, por iso –adiantou- a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestará a súa colaboración para reforzalo e dalo a coñecer nos vindeiros meses”.

Participaron na presentación, canda o secretario xeral, o delegado de Aenor en Galicia, Martín Pita; a vicerreitora de Servizos do Campus de Lugo e responsable institucional da política lingüística da USC, Carme Silva; e o vicerreitor de Comunicación e responsable de calidade da USC, Xosé Pereira.

As normas galeguizadas

Aenor incorpora ao seu catálogo comercial tres novas normas UNE-ISO que xa ofrecen a súa versión en galego. Trátase das normas 9001:2015 ‘Sistemas de xestión da calidade. Requisitos’; 9004:2009 ‘Xestión para o éxito sostido dunha organización. Enfoque de xestión da calidade’; e 14001:2015 ‘Sistemas de xestión ambiental. Requisitos con orientación para o seu uso’.

A iniciativa contribúe ao desenvolvemento dunha das 84 medidas que configuran o primeiro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020, que ten como fin potenciar o uso do idioma na economía baixo as directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004).

Menús News node R