Máis de 920 persoas solicitaron presentarse ás probas para obter carnés profesionais organizadas pola Consellería de Educación

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad comezou esta curso a xestionar os exames, en virtude do acordo asinado coa Consellería de Industria

Lun, 27/12/2010 - 08:31

Un total de 928 persoas solicitaron no 2010 presentarse ás probas para a obtención de ata 18 modalidades de carnés profesionais xestionadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. É a primeira vez que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad realiza estes exames, ademais de xestionar os trámites correspondentes á expedición destes documentos.

Así, Educación asume por primeira vez a competencia para realizar todas as actuacións conducentes á obtención destes carnés, que se están desenvolvendo en centros dependentes desta Consellería. A través da dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación se leva a cabo este proceso que favorece a inserción laboral dos profesionais coas competencias necesarias que acredita o carné profesional, para o desenvolvemento da actividade en condiciones de total seguridade. Para participar nas probas para obter o carne é necesario ter un título en FP. Por outro lado os novos títulos de FP xa inclúen a formación conducente á obtención do carne.

O pasado mes de xullo publicouse no DOG a convocatoria das probas para a obtención destes carnés e certificados de cualificación individual, exames que se realizaron entre o 15 e o 26 de novembro no IES As Mercedes (Lugo), e nos Centros Integrados de Formación Profesional A Farixa (Ourense), de Someso (A Coruña), e Valentín Paz Andrade (Vigo). Os exames prácticos de guindastre móbil realizáronse os días 11 e 18 de decembro, coincidindo con dous sábados co fin de facilitar a realización do exame aos candidatos que, na súa maioría, traballan de luns a venres.

En total solicitaron o acceso ás probas 928 profesionais que aspiraban a obter o título aportando a súa experiencia profesional. Destes o 75% realizou os exames, e o 65% os pasaron. Para a avaliación dos candidatos, constituíuse un tribunal en cada especialidade, en cada un dos centros onde se realizaron os exames.

Especialidades

Nesta convocatoria os aspirantes a carnés ou certificados puideron solicitar presentarse a 18 especialidades distintas. En 7 delas as probas celebrábanse por última vez, xa que nesas especialidades o carné desaparece como vía de obtención de habilitación ou requisito para o exercicio profesional. É o caso dos exames referidos ás profesións de instalador de liñas de alta tensión -categorías LAT1 e LAT2-, instalador de fontanaría, instalador frigorista, conservador frigorista, e dos certificados de cualificación individual en baixa tensión -categorías básica e especialista-.

Ademais, haberá outras 7 categorías nas que poderá haber probas como vía de obtención de certificado para o exercicio profesional; aínda que a vía principal será a titulación de FP ou o certificado de profesionalidade. Nesta situación atópanse os traballos relacionados cos traballos de instalador de produtos petrolíferos líquidos - categorías I, II e III-, operador industrial de caldeiras, e os certificados de cualificación individual como instalador de gas - categorías A, B e C-.

Nas 4 restantes especialidades, nomeadamente nas de operador de guindastre torre, operador de guindastre móbil autopropulsado - categorías A e B- , e carné profesional en instalacións térmicas de edificios; as probas permanecen en vindeiras convocatorias como vía única para obter o carné ou certificado para o exercicio profesional.

Respecto da demanda, as especialidades que contaron con máis solicitudes foron as de operador industrial de caldeiras (144 inscricións), instalador de fontanaría (141) operador de guindastre torre (124), e os certificados de cualificación individual en baixa tensión (96 para a categoría especialista, e 83 para a categoría básica).

Simplificación dos trámites

Coa directiva europea de servizos (Directiva 2006/123/CE) simplifícanse os trámites administrativos para o libre acceso as actividades de servizos e o seu libre exercicio. Deste xeito moitos dos carnés profesionais actualmente existentes desaparecerán como requisito para o exercicio da actividade e, noutros casos, a vía de obtención serán os títulos de Formación Profesional. É neste sentido no que adquire especial importancia que a Consellería de Educación asuma a xestión das probas para a obtención dos carnés profesionais desde o sistema educativo de formación profesional.

Deste xeito Educación, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dá un forte pulo á accesibilidade ao mundo laboral, especialmente dos titulados de FP.