A Consellería de Educación e ASPANAEX colaborarán no traslado de alumnado con discapacidades aos centros educativos de Vigo

O acordo cobre os desprazamentos de 19 escolares entre o fogar e o centro educativo, e as viaxes en horario escolar aos centros de rehabilitación

Xov, 23/12/2010 - 15:40

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación asinarán un acordo de colaboración para colaborar no traslado de 19 alumnas e alumnos con discapacidades da cidade de Vigo e a súa área de influencia ata os seus centros educativos.

Ao abeiro deste convenio, ASPANAEX e a Consellería ofrecerán a este alumnado un transporte axeitado ás súas necesidades físicas e psíquicas particulares, con todos os requirimentos exixidos para este específico colectivo de escolares, xa que esta asociación utiliza vehículos adaptados, ofrece coidadores especializados e, así mesmo, adáptase ás necesidades horarias dos alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan. Ademais, cubriranse tanto os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces ao centro escolar como a ou desde o centro en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar.

Coa sinatura deste convenio, a Consellería de Educación facilita o acceso á escolarización ao alumnado galego, atendendo á súa diversidade. Neste mesmo sentido Educación puxo en marcha colaboracións na provincia da Coruña coa asociación GRUMICO, e en Pontevedra con AMENCER-ASPACE e ACEESCA.

A Asociación ASPANAEX é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fin estatutario a defensa dos intereses das persoas discapacitadas, co fin de acadar a máxima atención social á problemática que presentan, así como a súa propia recuperación, rehabilitación e integración na sociedade, para o que colabora con organismos e entidades que teñen relación coa problemática dos discapacitados.