A Consellería de Educación e o Ministerio colaborarán para a mellora das competencias do profesorado e do alumnado do ensino non universitario

Ambos os departamentos asinarán un convenio para apoiar a implantación da LOE en Galicia

Xov, 23/12/2010 - 15:35

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio do ramo continuarán este curso a colaboración para o programa de apoio á implantación da Lei orgánica de educación (LOE), a través da sinatura dun convenio a que o Consello da Xunta deu hoxe luz verde. Mediante este acordo, os asinantes comprométense a pór en marcha diversos programas, todos eles encamiñados a facilitar o desenvolvemento da lei e a mellora das competencias do profesorado e do alumnado do ensino non universitario.

Unha vez asinado o convenio, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria achegará 7.458.855 euros para financiar diversos programas, mentres que a achega do Ministerio de Educación será de 5.297.571 euros.

Programas de acción

A colaboración que hoxe recibiu o visto e prace ten como obxecto varios programas diferentes. Entre os obxectivos perseguidos destaca a formación do profesorado para dotalo dunha mellor preparación para o desenvolvemento dos novos currículos, dos novos obxectivos; e o apoio ao ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras para os docentes.

Ademais, ao abeiro deste convenio desenvolveranse iniciativas para a mellora do éxito escolar do alumnado galego e do seu rendemento académico, co fin de propiciar o aumento de alumnas e alumnos titulados en educación secundaria obrigatoria e postobrigatoria. Neste mesmo sentido, outro dos eixes sobre os que pivota o plan ocuparase de estimular a diminución do abandono temperá da escolarización.

Doutra banda impulsaranse accións para a extensión e modificación do tempo escolar, de tal forma que se favoreza a mellora da aprendizaxe do alumnado a través de actividades fóra do horario escolar, relacionadas, en especial, con actitudes e hábitos saudable, ao tempo que se favorece a conciliación da vida familiar coa escolar.