Cultura e Educación axiliza os trámites para que as familias accedan ao fondo público solidario de libros de texto e ás axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar

O departamento educativo da Xunta de Galicia unifica as tres ordes de convocatoria para dar a mellor e máis rápida resposta ás familias que máis o necesitan
Lun, 16/05/2016 - 11:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, ESO e educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2016/2017. Unha convocatoria que este ano se unifica co fin de axilizar e simplificar os trámites para acceder a estes beneficios, co fin de dar a mellor e máis rápida  resposta ás familias que máis o necesitan.

O vindeiro curso 2016/2017 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º e 3º de ESO. Nos restantes cursos – 1º e 2º de educación primaria, 2º e 4º de ESO e en educación especial- funcionarán as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado na educación primaria, ESO e educación especial.

A combinación dos diferentes programas postos en marcha pola consellería nos últimos anos (axuda para adquisición, reutilización de material existente, acceso progresivo a contidos educativos dixitais e a plataformas de aprendizaxe dixital) permite aproveitar o mellor de cada un dos instrumentos utilizados, obtendo o máximo rendemento educativo, así como un importante nivel de cobertura en canto ao alumnado beneficiario.

O criterio da Consellería é sempre priorizar ás familias con menos recursos, co fin de asentar un modelo solidario e que todas as familias que precisen de apoio para contar con libros e material escolar o teñan, ben pola modalidade de axudas directas, ben polo fondo público e solidario.

Os requisitos e termos da convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160516/AnuncioG0164-040516-0005_gl.html

Beneficios da nova convocatoria

A decisión de integrar as tres modalidades (fondo, axudas para a adquisición de libros e axudas para a compra de material escolar) nunha mesma convocatoria, facilita e simplifica a tramitación para as familias, dado que só será preciso presentar unha única solicitude por centro, incluíndo nela a todos/as os/as fillos/as que estean escolarizados nel. En consecuencia, a documentación só se ten que presentar unha vez.

Esta innovación, unida á unificación do procedemento nas fases de gravación, validación comprobación das solicitudes e documentación, simplifica tanto a actuación das familias como a xestión dos centros docentes, reducindo a súa carga na tramitación.

Ademais, no caso do fondo dáse a máxima autonomía posible aos centros para realizar os trámites (lista provisional, reclamacións, lista definitiva) no momento que queiran, segundo a súa capacidade de xestión, fixándolle só datas máximas para cada trámite. Esta flexibilidade consegue que as familias saiban o antes posible os libros dos que van dispoñer os seus fillos. De feito, con este sistema un centro de primaria podería ter rematado o proceso a finais de xuño ou principios de xullo. Así mesmo, redúcese o traballo burocrático para os equipos directivos, tendo en conta ademais a incorporación de administrativos a algúns CEIPs.

O prazo para a presentación das solicitudes comeza o día 18 de maio e remata o 23 de xuño de 2016.

Convocatoria de axudas

No caso das axudas para a adquisición de libros de texto mantéñense invariables respecto do curso 2015/2016 as contías das axudas. Así mesmo, mantense que, o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar. Neste mesmo sentido, os menores que se encontren en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirán a axuda máxima correspondente ao ensino e curso en que estean matriculados, e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Para o resto dos casos, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes:

Educación Primaria:

  • Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 170 euros
  • Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros

Educación Secundaria Obrigatoria:

  • Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 180 euros
  • Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros

No caso das axudas para a compra de material escolar destinado a alumnado matriculado en educación primaria, ESO e educación especial, o umbral é a renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.

Fondo público solidario

A asignación de libros de texto correspondente aos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e 1º e 3º de ESO farase, ao igual que o ano pasado, por orde inversa á renda pér cápita da unidade familiar. En calquera caso, terán preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De darse o caso de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexa necesario. O obxectivo é garantir que o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros e o que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) teña garantido o acceso a 6 libros, e que o que teña renda per cápita superior a 5.400 euros e igual ou inferior a 9.000 acceda a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros, ben utilizados do mesmo fondo o ano pasado, ben adquiridos con cargo á convocatoria de axudas para a compra de libros de texto.

Datos curso 2015/2016

No curso 2015/2016 concedéronse un total de 89.492 axudas á adquisición de libros de texto e 81.377 axudas para a adquisición de material escolar. Ademais, o fondo solidario de libros de texto distribuíu un total de 242.119 manuais, dos que só foi necesario adquirir o 10%.

Neste sentido cómpre agradecer ás familias a súa colaboración para o axeitado funcionamento do fondo solidario, que beneficia ao conxunto do sistema educativo. De feito, no curso 2015/2016 só 282 alumnos non puideron acceder ao fondo por non teren devolto os manuais esixidos do curso anterior.