Política Lingüística e Vegalsa-Eroski poñen en marcha unha campaña para festexar as Letras Galegas desde o ámbito socioeconómico

Valentín García salientou a importancia de que as empresas se comprometan coa promoción do uso do galego desde as súas accións de responsabilidade social

2.500.000 de bolsas visibilizarán a efeméride e preto de 500 carteis difundirán nos establecementos Eroski-Center e Familia a figura, a vida e a obra do autor ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas

Mér, 11/05/2016 - 18:35
Valentín García salientou a importancia de que as empresas se comprometan coa promoción do uso do galego desde as súas accións de responsabilidade social
Valentín García salientou a importancia de que as empresas se comprometan coa promoción do uso do galego desde as súas accións de responsabilidade social

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski colaboran para conmemorar o Día das Letras Galegas desde o ámbito socioeconómico. Fano por medio dunha campaña de difusión da efeméride e da figura do autor chairego Manuel María, a quen este ano a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas. A través dela, 2.500.000 bolsas visibilizarán o 17 de maio e preto de 500 carteis difundirán nos establecementos Eroski-Center e Familia desta cadea comercial a figura, a vida e a obra do autor homenaxeado.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentouna esta mañá no Eroski Center da Gándara (Narón), acompañado da directora de Relacións Institucionais e Responsabilidade Social Corporativa da compañía, Gabriela González, e salientou durante a súa intervención a importancia de que as empresas se comprometan coa promoción do uso do galego desde as súas accións de responsabilidade social.

Promover a lingua desde a RSE

“Vegalsa-Eroski constitúe todo un exemplo no compromiso e na promoción do uso do galego desde a responsabilidade social corporativa dunha empresa radicada en Galicia que incorpora e implementa diferentes actuacións a prol do desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade entre as liñas de traballo prioritarias destinadas aos seus grupos de interese”, sinalou.

Carteis e bolsas para conmemorar as Letras Galegas
Unha tirada de 500 carteis dunha das dez imaxes que integran a mostra “Soñando Galicia con Manuel María” -coa que o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo se fixo este ano co Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2016- e dous millóns e medio de bolsas de edición especial contribuirán a visibilizar a celebración das Letras Galegas desde a cesta da compra dos establecementos Eroski-Center e Familia.

Trátase dunha acción que Vegalsa-Eroski engloba no seu compromiso cos atributos propios de Galicia, que teñen no idioma propio un dos seus máximos expoñentes, e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Menús News node R

Colectivo