Arredor de 600 docentes participan nas xornadas ‘Plurilingüismo CLIL 3.0’ organizadas pola Consellería de Educación

O obxectivo deste encontro é intercambiar experiencias arredor do sistema de ensino-aprendizaxe integrado de contidos en linguas estranxeiras

Ven, 17/12/2010 - 18:10
Xesús Vázquez inaugurou hoxe as xornadas "Plurilingüismo CLIL 3.0"
Xesús Vázquez inaugurou hoxe as xornadas "Plurilingüismo CLIL 3.0"

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe as xornadas ‘Plurilingüismo CLIL 3.0’, nas que participan arredor de 600 docentes que imparten as súas clases en linguas estranxeiras. Este encontro, que se celebra hoxe e mañá na Universidade Laboral de Culleredo, constitúe unha acción máis das desenvolvidas no marco do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, co fin de que do 25% do alumnado galego mellore as súas competencias nunha lingua estranxeira na presente lexislatura. No acto o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema.

Durante a inauguración destas xornadas, o conselleiro de Educación destacou que “o desenvolvemento do plurilingüismo escolar e a utilización de ferramentas dixitais constitúen as pedras angulares nas que se debe asentar a calidade do ensino”. Nesta liña, lembrou que “a Consellería está a desenvolver o Plan de potenciación de linguas, que ten como obxectivo prioritario o fomento do feito plurilingüe do alumnado, do profesorado e da cidadanía en xeral”, e no que se insiren actividades como as xornadas hoxe inauguradas.

Neste marco, o conselleiro fixo fincapé na importancia da formación do docente, “cuxo perfil e funcións está a cambiar a gran velocidade”, e que funciona “como elemento vertebrador para toda a comunidade educativa”. Así, agradeceu ao profesorado “o labor diario que facedes nos vosos centros como profesionais implicados totalmente e de xeito especial no fomento do plurilingüismo”, e ofreceulles apoio e colaboración para “continuar a mellorar a vosa profesionalidade con actividades de formación como esta”.

Plurilingüismo e TIC

A aprendizaxe das linguas estranxeiras nos 58 primeiros centros plurilingües e 1.519 seccións bilingües do sistema educativo galego centran os contidos destas xornadas; nas que tamén se abordarán cuestións como os recursos que ofrecen as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para o plurilingüismo, a interculturalidade ou a atención á diversidade. O obxectivo é mellorar a docencia nas aulas de Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras (AICLE) e Content and Language Integrated Learning (CLIL).

Deste xeito, os asistentes ao encontro analizarán o valor instrumental das linguas como chave de acceso nuns centros escolares que son cada vez máis espazos interculturais, ou como pode influír o uso das TIC na aula e as aplicación da web 2.0 e 3.0 na aprendizaxe integrada de lingua e contidos. Ademais ofreceranse ideas, estratexias e recursos web 2.0 para adaptar a implantación do proxecto CLIL aos factores de diversidade existente, con especial atención á pluralidade de culturas e linguas, así como aos diferentes niveis de competencias básicas do alumnado.

Finalmente, haberá relatorios e obradoiros sobre experiencias e boas prácticas en centros educativos de toda Galicia que teñen proxecto CLIL; e a través da rede os docentes, investigadores, editores e a propia Administración poderán estar en contacto directo e compartir experiencias e boas prácticas.

Coa organización deste encontro a Consellería de Educación ofrece ao profesorado de centros plurilingües e seccións bilingües formación para mellorar o seu traballo docente, no marco dunhas xornadas de integración e apoio a todo o profesorado implicado no ensino das linguas estranxeiras. Así mesmo, este encontro servirá para difundir e intercambiar propostas de traballo arredor do proxecto CLIL e o seu apoio no contexto da xeneralización das TIC nos centros educativos.