Educación e os enxeñeiros informáticos renovan a súa colaboración para iniciar ao alumnado no eido da programación e instruílo no uso seguro dos recursos tecnolóxicos
As iniciativas “Navega con Rumbo” e “Programación nas escolas” chegarán a preto de 200 colexios e institutos de toda Galicia
A materia de Programación –que se oferta por primeira vez neste curso- está sendo cursada por 1.785 alumnos de 50 centros de Secundaria, o que da idea da importante demanda que ten este eido entre os rapaces e rapazas
Xov, 14/04/2016 - 13:34

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia ratifican un ano máis o seu acordo de colaboración no ámbito educativo a través da sexta edición do “Navega con Rumbo” e da segunda edición da “Programación nas Escolas”, dúas iniciativas que teñen como finalidade principal o desenvolvemento das competencias dixitais dos alumnado e a súa plena integración na nova contorna dixital.

O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente dos Enxeñeiros, Fernando Suárez, asinaron esta mañá o citado acordo que permitirá de novo poñer en común unha serie de recursos e ferramentas tecnolóxicas á disposición de toda a comunidade educativa e, deste xeito, avanzar na calidade do ensino.

“Navega con Rumbo”

O programa “Navega con Rumbo”, que xa vai pola súa sexta edición, abrangue tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias. É dicir, por unha banda está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsable e útil en internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso; e doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, á súa vez, actúen como correa de transmisión.

Para tal fin, o Colexio de Enxeñeiros encargarase de realizar xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia que neste curso chegará a uns 181 centros de toda Galicia. Desde que se iniciou o programa no curso 10-11, o programa xa se impartiu en 450 colexios e institutos, e nas actividades realizadas ao seu abeiro participaron arredor de 65.000 persoas, na súa maior parte alumnado. Ademais, o programa está apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG, que poden descargarse a través do web www.navegaconrumbo.es.

“Programación nas Escolas”

A outra das iniciativas, “Programación nas escolas”, renóvase por segundo ano consecutivo tras poñerse en marcha no curso pasado como unha acción pioneira para iniciar aos escolares na linguaxe da programación informática. Uns dez centros escolares de Primaria (que se suman aos outros dez da primeira edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa na os rapaces e rapazas aprenden a programar dun xeito lúdico e proactivo. Para elo, ofrécenselle as ferramentas axeitadas para que comprendan qué é un ordenador, cómo funciona, e cómo eles mesmos poden crear sinxelas aplicacións interactivas como videoxogos ou animacións, entre outros.

Cómpre lembrar que a materia de Programación –que se oferta por primeira vez neste curso- está sendo cursada por 1.785 alumnos de 50 centros de Secundaria de toda Galicia, o que da idea da importante demanda que ten este eido entre os rapaces e rapazas.

Tanto o “Navega con rumbo” como a “Programación nas escolas” está dirixido ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar, é dicir, aqueles centros que contan con aulas dixitais e que a día de hoxe xa abrangue a uns 120.000 alumnos de 900 centros públicos.