Política Lingüística colabora cos Reis Magos para contestar as cartas dos nenos e nenas en galego este Nadal

A secretaría xeral ofrécelle asesoramento lingüístico ao grupo Solnet para este novo servizo en galego de cartas de resposta personalizada aos máis pequenos

Mér, 15/12/2010 - 14:21
a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Cristina Rubal
A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Cristina Rubal, animou a que “todos os nenos e nenas de Galicia lles escriban con naturalidade as súas cartas aos Reis Magos en galego”

Este Nadal, os nenos e nenas de Galicia poderán recibir unha carta de resposta dos Reis Magos personalizada e en galego. Trátase dun novo servizo que complementa a oferta de iniciativas para alimentar a ilusión dos máis pequenos nestas datas e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A través da web www.cartadosreismagos.com, os pais e nais poden solicitar o envío, previo pago, dunha carta para os seus fillos, asinada polos Reis Magos, na que se personalizan numerosos datos referidos ás súas afeccións, comportamento, hábitos etc. Por primeira vez ofrécese en galego e na rede un servizo destas características.

No acto de presentación, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Cristina Rubal, animou a que “todos os nenos e nenas de Galicia lles escriban con naturalidade as súas cartas aos Reis Magos en galego” e salientou a disposición do seu departamento a colaborar “para que iniciativas privadas coma esta, que queren contribuír a alimentar a ilusión dos pequenos, poidan completarse na nosa lingua e, ademais, correctamente”. Neste sentido, a colaboración da Xunta de Galicia no proxecto materialízase no asesoramento e revisión lingüística de todos os materiais ofertados en galego.

Máis recursos para vivir en galego estas festas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrece, a través do seu espazo web, un conxunto de recursos para favorecer o uso da lingua galega nas celebracións propias desta altura do ano. No espazo www.xunta.es/linguagalega os internautas poden descargar diferentes ferramentas para este Nadal: varios modelos de postais electrónicas de felicitación das festas, receitas de pratos típicos destas datas, unha guía de electrónica en galego para agasallar, produtos etiquetados en galego para vestir a mesa, panxoliñas etc.

Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten en marcha un concurso de presentacións electrónicas na rede, para felicitar o Nadal, aberto ata o vindeiro 20 de decembro.

Menús News node R