Román Rodríguez aposta por reforzar os vínculos entre educación e empresa para fomentar o emprendemento, o coñecemento e a innovación

O conselleiro de Cultura e Educación inaugurou o encontro ‘Galiemprende’, unha xornada de reflexión e intercambio de experiencias desde os eidos educativo e empresarial

A rede de viveiros de empresa está implantada en 19 centros educativos e deu lugar a 62 iniciativas creativas de emprendedores mozos

Mér, 06/04/2016 - 12:18
O conselleiro de Cultura e Educación inaugurou o encontro ‘Galiemprende’
O conselleiro de Cultura e Educación inaugurou o encontro ‘Galiemprende’

Con motivo do encontro de emprendedores ‘Galiemprende’, unha ducia de centros educativos de toda Galicia (entre Centros Integrados de Formación Profesional e IES) expoñen hoxe os seus proxectos empresariais desenvolvidos ao abeiro da Rede de Viveiros de Empresa impulsados pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración cos propios centros e co empresariado. O conselleiro Román Rodríguez, acompañado do director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira, fixo un percorrido polos stands, onde puido coñecer de primeira man diversos proxectos de empresa e que atinxen a campos tan variados como a domótica, o aforro enerxético, a consultoría, a construción, o turismo ou o deseño, entre outros.  

Esta xornada configúrase como un marco de encontro para favorecer a posta en común de proxectos, a creación de sinerxías entre emprendedores e o establecemento de lazos de colaboración entre os centros formativos (a través da Rede de Viveiros) e o Centro de Emprendemento de Galicia (CEM), un centro de referencia neste eido que ofrece programas de apoio e titorización e que inclúe servizos de mentorizaxe, asesoramento financieiro e networking, entre outros.

Unha fonte de riqueza

En concordancia coa estratexia de crecemento da UE 2020, Román Rodríguez apostou, na súa intervención, por reforzar os vínculos entre educación e empresa co fin de fomentar o emprendemento, o coñecemento e a innovación. Segundo dixo, o emprendemento constitúe unha “fonte de riqueza” na súa contorna ao actuar como motor da innovación, da competitividade e do crecemento das economías.

O conselleiro subliñou o esforzo e a implicación da Administración para a mellora da calidade educativa e a formación específica en xestión emprendedora e que se manifesta en accións concretas como a posta en marcha da Rede de Viveiros de Empresa.

Precisamente, grazas ao impulso da Consellería de Cultura e Educación e ao traballo e implicación dos centros educativos e das empresas galegas, a día de hoxe hai 19 centros entre CIFPs e IES que contan con viveiros de empresa e que deron orixe a 62 iniciativas de creación de empresas. Destas, 21 xa existen como empresas en funcionamento fóra do viveiro no cal foron concibidas, outras 12 funcionan como empresas pero aínda dentro do viveiro (é dicir, co apoio e asesoramento dos centros), e outras 29 atópanse en fase de proxecto.

Cómpre lembrar que desde o 2009, o primeiro ano no que se puxo en marcha dita iniciativa, o número de viveiros pasou dos 6 iniciais aos 19 actuais. O obxectivo do departamento de Educación da Xunta é de estender a Rede de Viveiros de empresa ao conxunto dos 19 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes da Consellería; así como ampliar a cobertura territorial a máis comarcas de Galicia, xa que actualmente está concentrada nas sete grandes cidades e nos concellos onde hai un CIFP.

Asesoramento de balde

Os viveiros de empresa son espazos postos a disposición dos emprendedores, totalmente de balde, durante o prazo máximo de dous anos, coa infraestrutura necesaria para desenvolver o seu proxecto de empresa. Os posibles viveiristas son persoas tituladas en Galicia nos últimos 4 anos en ensinanzas de bacharelato, FP, artes plásticas e deseño, deportivas, educación secundaria para persoas adultas, ensinanzas superiores de deseño, conservación e restauración de bens culturais, ou de arte dramática, música ou danza.

A través do correspondente viveiro os emprendedores reciben asesoramento grazas ao titor de viveiro ou do coordinador de emprendemento, así como cursos específicos. Ademais, favorécese o contacto con outros emprendedores, tanto da Rede como de fóra dela, e apóiase a difusión dos proxectos empresariais desde www.edu.xunta.es/fp, xornadas ou feiras.

Dentro dos 19 viveiros que compoñen actualmente a Rede, 8 están na provincia da Coruña (CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, CIFP Someso, CIFP Politécnico de Santiago, CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, CIFP Ferroltera, IES de Fene, CIFP Paseo das Pontes, CIFP Coroso de Ribeira), 3 na de Lugo (CIFP Politécnico de Lugo, CIFP As Mercedes e CIFP Porta da Auga), 3 na de Ourense (CIFP Portovello, CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e CIFP A Farixa), e 5 na de Pontevedra (IES Luís Seoane, CIFP A Xunqueira, CIFP Manuel Antonio, IES Ricardo Mella e CIFP A Granxa).