Política Lingüística impulsará en 2011 unha nova estratexia de acción exterior desde os centros de estudos galegos

A creación dun programa de acción cultural, que complemente a formación académica e a investigación nas universidades, será unha das prioridades para a proxección internacional da lingua e da literatura galegas

Mar, 14/12/2010 - 14:19

“É necesario establecer un programa de difusión cultural que complemente a formación académica e a investigación realizadas nas universidades brasileiras que dispoñen de centros de estudos galegos, co fin de mostrar a vitalidade e a creatividade actual da cultura feita en Galicia”. Esta foi unha das conclusións que apuntou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, ao remate das mesas de traballo do primeiro Encontro de Cátedras e Centros de Estudos do Brasil, que ten lugar, desde onte, na Universidade Federal Fluminense de Niterói (Río de Xaneiro).

Con esta finalidade, a secretaría xeral, departamento encargado da proxección exterior da lingua e da literatura galegas, está a impulsar “os mecanismos de coordinación e de colaboración coas institucións, entidades e asociacións culturais de Galicia para que en 2011 se inicie unha nova estratexia de acción cultural desde os centros de estudos galegos”, explicou Anxo Lorenzo. Así mesmo, o secretario xeral incidiu na necesidade de “ofrecer un programa académico sólido e integrado nos currículos das universidades receptoras”.

Outras das conclusións orientáronse cara á necesidade de promover e difundir materiais de ensino da lingua e da literatura galegas en Brasil e de crear un espazo compartido en internet que lles permita aos lectores e lectoras intercambiar experiencias, materiais e actividades a prol da proxección do galego en Brasil.

Ademais, o secretario xeral comprometeuse a estudar novos procedementos que faciliten o desempeño profesional dos lectores e lectoras e a súa integración nas universidades de destino.

Estas foron algunhas das conclusións do encontro, no que participaron os representantes do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo, o director e o vicedirector do Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense de Niterói, Fernando Ozorio e Xoán Lagares, respectivamente; a directora da Cátedra de galego e o profesor lector de galego da Universidade de São Paulo, Valéria Gil e Leopoldo Cañizo, respectivamente; a responsable do CEG da Universidade do Estado do Rio de Janeiro, Maria do Amparo Tavares; e o profesor lector de galego na Universidade Federal da Bahia, Xosé Manuel Juane.

Un recital a cargo de Anxo Angueira pechará o encontro

A partir das 16:00 horas (hora local), terá lugar a presentación de materiais bibliográficos do Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense e do CEG da Universidade do Estado do Rio de Janeiro. Finalmente, un recital do escritor e profesor da Universidade de Vigo Anxo Angueira pechará o encontro.

O primeiro Encontro de Cátedras e Centros de Estudos do Brasil respondeu principalmente ao interese de mellorar os mecanismos de coordinación da acción exterior a prol do galego. Así mesmo, esta iniciativa permitiu poñer en común as liñas de traballo que están a desenvolver as universidades do país, así como levar a cabo unha avaliación xeral sobre a repercusión do traballo realizado. Finalmente, o encontro serviu como marco para propoñer novas canles de difusión da lingua e da cultura galegas que permitan coñecer o labor realizado sobre Galicia.

A proxección do galego no exterior

A creación dos centros de estudos galegos responde ao establecido na  Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, respecto do desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, un dos obxectivos marcados polo Plan xeral de normalización da lingua galega para a proxección exterior do idioma é o de consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico.

Declaracións de Anxo Lorenzo

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza