O primeiro Encontro de Cátedras e Centros de Estudos Galegos no Brasil incide na conexión cultural e lingüística con Galicia

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, anunciou a creación dun programa de difusión lingüística, literaria e cultural que poida ser compartido polos centros de estudos galegos de todo o mundo

Lun, 13/12/2010 - 18:40
O I Encontro de Cátedras e Centros de Estudos Galegos no Brasil
Anxo Lorenzo no I Encontro de Cátedras e Centros de Estudos Galegos no Brasil

A importancia de estudar galego en Brasil centrou a primeira mesa redonda do I Encontro das Cátedras e Centros de Estudos Galegos que se realiza neste país, unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración cos responsables das cátedras e centros de estudos galegos (CEG) en Brasil.

Durante a xornada, que comezou hoxe na Universidade Federal Fluminense de Niterói, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fixo fincapé no obxectivo da secretaría xeral de establecer, por vez primeira, “as bases para avanzar no traballo en rede das cátedras e centros de estudos galegos”. Con este fin, Anxo Lorenzo anunciou a intención da secretaría xeral de poñer en marcha, en colaboración cos principais actores do sector en Galicia, “un programa de actividades anual para a difusión lingüística, literaria e cultural que poida ser compartido polos distintos centros de estudos galegos en función dos seus intereses e das posibilidades do momento”.

Xunto co secretario xeral, participaron no encontro os representantes do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo, o director e o vicedirector do Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense de Niterói, Fernando Ozorio e Xoán Lagares, respectivamente; a directora da Cátedra de galego e o profesor lector de galego da Universidade de São Paulo, Valéria Gil e Leopoldo Cañizo, respectivamente; a responsable do CEG da Universidade do Estado do Rio de Xaneiro, Maria do Amparo Tavares; e o profesor lector de galego na Universidade Federal da Bahia, Xosé Manuel Juane.

O I Encontro de Cátedras e Centros de Estudos Galegos no Brasil tratará mañá a presenza da lingua galega nas universidades brasileiras, así como a situación dos lectorados de lingua e cultura galega no país. Ademais, terá lugar a presentación de materiais bibliográfico do Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Flumenense e do CEG da Universidade do Estado do Rio de Janeiro. Un recital poético a cargo do escritor e profesor da Universidade de Vigo Anxo Angueira porá o peche ao encontro.

O traballo dos CEG con emigrantes e descendentes de galegos

O traballo dos CEG con emigrantes e descendentes de galegos centrou a segunda mesa redonda do encontro. A este aspecto, Anxo Lorenzo destacou que “desde a perspectiva da acción lingüística e cultural no exterior, os emigrantes e descendentes de galegos constitúen un elo primordial para o mantemento da galeguidade fóra de Galicia”. “Así mesmo –engadiu–  constitúen unha boa porta de entrada na sociedade brasileira dos progamas académicos e culturais que se organizan desde os CEG.

O impulso da proxección internacional do galego a través de Brasil

Actualmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística posibilita o achegamento á lingua e cultura galegas en Brasil a través de catro universidades: a Universidade de São Paulo, a Universidade Federal de Bahia, a Universidade Federal Fluminense de Niterói e a Universidade do Estado do Rio de Janeiro.

A través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos.

Actualmente, a secretaría xeral conta con 40 centros de estudos galegos distribuídos en diversos países de Europa e de América, a través dos que se desenvolven e estimulan actividades relativas ao ensino e á investigación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas en xeral e que promoven o intercambio cultural entre Brasil e Galicia.

Ademais de ofrecer disciplinas optativas do currículo académico, os centros de estudos desenvolven outras iniciativas para a difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas, como conferencias e recitais, a realización de ciclos de cinema ou banda deseñada en galego, a organización de actividades para dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial de Galicia ou a conmemoración do Día das Letras Galegas. da

Menús News node R