Cultura e Educación convoca 150 prazas para que o profesorado realice itinerarios formativos no estranxeiro para a mellora das súas competencias lingüísticas

Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal, Alemaña e EEUU son os destinos aos que poderán optar os docentes, cunha duración das estadías de ata 4 semanas, dependendo da modalidade

Deste xeito a Consellería reafirma o seu compromiso coa formación dos docentes, aumentando o número de prazas convocadas con respecto ao ano pasado

As profesoras e profesores que realicen este programa deberán elaborar materiais didácticos para o seu uso nos centros de ensino

A Consellería aumenta o número de prazas ofertadas para lingua portuguesa

Mér, 30/03/2016 - 17:53

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca 150 prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa do profesorado. Así o recolle a orde de convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia, que pode consultarse no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160329/AnuncioG0164-170316-0004_gl.html . Deste xeito a Consellería reafirma o seu compromiso coa formación dos docentes, aumentando a oferta destas estadías no estranxeiro.

Ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) a Consellería oferta itinerarios intensivos para potenciar a consolidación e adquisición de niveis de competencia lingüística, dando a oportunidade aos participantes neles de poñer en práctica os seus coñecementos no contexto dun país no que se fala a lingua en cuestión. O obxectivo é formar profesionais debidamente cualificados para impartir clases na rede de seccións bilingües e centros plurilingües do sistema educativo de Galicia.

Nesta convocatoria para o ano 2016, cómpre salientar o aumento de prazas para o profesorado de lingua portuguesa ou o profesorado CLIL en portugués para as actividades  de Integración en centros portugueses durante o primeiro trimestre do curso 2016-2017 e para o curso de lingua portuguesa nos meses de xullo ou agosto de 2016.

Destinatarios

A convocatoria irá dirixida ao profesorado especialista en inglés que estea a impartir ensinanzas de lingua estranxeira en educación infantil, primaria e secundaria; a profesorado especialista de francés e inglés; e a profesorado AICLE/CLIL (de áreas, materias ou módulos non lingüísticos impartidos en inglés) de educación primaria, secundaria obrigatoria, de bacharelato ou de formación profesional, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües.

Así mesmo, poderán participar os docentes non especialistas que impartan ensinanzas establecidas na Lei Orgánica de Educación, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Inspección Educativa. Tamén poderán optar ás prazas das actividades o profesorado que teña previsto participar no programa de seccións bilingües ou o de centros plurilingües a partir do curso 2016-2017.

Modalidades

Os itinerarios formativos realizaranse en 3 modalidades diferentes. A primeira delas constará dunha primeira fase dun curso de formación en inglés en Galicia, seguido dun período de inmersión no país da lingua estranxeira obxecto de ensino e aprendizaxe, cunha duración de tres semanas que se realizará no mes de xullo de 2016 en Reino Unido, Canadá ou Estados Unidos. A segunda modalidade consistirá nun programa de inmersión total en inglés, con integración na vida escolar en centros escolares de Canadá e Portugal, acompañados por un docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas no primeiro trimestre do curso 2016-2017. A terceira modalidade consistirá en cursos de dúas semanas no Reino Unido, Francia, Alemaña ou Portugal.

En todos os casos os beneficiarios deberán realizar unha fase final de elaboración de materiais de uso didáctico, para a sociedade da información, no primeiro trimestre do curso 2016-2017. No caso das actividades de integración o profesorado participante deberá elaborar tamén unha proposta de difusión da experiencia no estranxeiro.

Menús News node R

Colectivo

Tema