Máis de 260 profesores reciben formación para o apoio docente nunhas xornadas organizadas por Educación na EGAP

O conselleiro de Educación inaugurou hoxe este encontro, que se celebra en Santiago de Compostela

Sáb, 11/12/2010 - 13:01
O conselleiro de Educación nas xornadas da EGAP
O conselleiro de Educación nas xornadas da EGAP

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe as I Xornadas de Formación do Profesorado de Apoio, nas que 268 especialistas en Audición e Linguaxe e Educación Especial reciben indicacións para mellorar o seu labor docente. Este encontro celébrase na Escola Galega de Educación Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.

No acto de inauguración, o conselleiro explicou que “é necesario comprender que todas as persoas son diversas e que, só na medida en que a intervención educativa se adecúe ás peculiaridades individuais de cada unha delas, o seu proceso educativo resultará satisfactorio, sendo fundamental ofrecerlles os recursos necesarios, tanto ao alumnado que o requira como aos centros”. Deste xeito, Vázquez Abad quixo agradecer aos especialistas asistentes a esta xornada de formación”o labor diario que facedes nos voso centros como profesionais implicados totalmente”; e incidiu na necesidade de que toda a comunidade educativa se implique “na elaboración de propostas que contemplen a pluralidade de todas e cada unha das alumnas e alumnos, considerando sempre os principios de normalización e inclusión”. “A atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo non debe ser exclusiva dalgúns profesionais, senón que debe supoñer unha implicación de todos”, resumiu.

Coa organización destas xornadas a Consellería de Educación dá un paso máis nas accións destinadas á atención á diversidade do alumnado galego, en especial a aquel que ten necesidade educativas específicas. Ademais préstase apoio ao profesorado, ofrecéndolles actividades formativas a través das que poder mellorar o seu labor docente.

Intercambio de experiencias

No marco desta xornada de formación, os asistentes afondarán en temas como a intervención educativa na dislexia, a educación inclusiva, ou a necesidade do traballo en equipo de toda a comunidade escolar para prestar unha axeitada atención á diversidade das alumnas e alumnos.

Ademais, valorarase a importancia da colaboración entre as familias e o centro educativo; e intercambiaranse experiencias sobre o papel dos recursos que ofrecen as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

O encontro conta coa participación de orientadores, especialistas de Pedagoxía terapéutica, Educación Especial e Audición e Linguaxe de centros de ensino de toda Galicia; e con relatorios impartidos polas profesoras da Universidade de Santiago de Compostela, Paula Outón; e da Universidade de Barcelona, Gloria Díaz.