O conselleiro de Educación aposta polo prestixio do docente no 50 aniversario do colexio Manuela Rial de Mouzo, en Cee

Desde o presente curso escolar o centro é plurilingüe na súa etapa de educación primaria

Sáb, 11/12/2010 - 13:00

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu aos actos de celebración do 50 aniversario do colexio Manuela Rial de Mouzo, en Cee.

Durante a súa intervención o conselleiro dixo que “celebracións como esta son unha ocasión para nos reafirmar no recoñecemento do esforzo dos nosos educadores, da súa entrega a un traballo que constitúe o futuro dos cidadáns que conforman unha sociedade democrática, que aspira a mellorar o porvir de Galicia”.

Ademais Vázquez Abad sinalou que “é preciso que multipliquemos todos os nosos esforzos cada un dende a súa propia responsabilidade para recobrar e potenciar o prestixio social da figura do profesor. Entre os nosos obxectivos, xunto coa devolución da autoridade ética e da dignidade humana e profesional ao profesorado, está, asemade, a consideración da cultura do esforzo como un valor en alza”. O conselleiro rematou destacando que “o futuro depende da eficacia do sistema educativo”.

O centro

Na actualidade o centro conta con 38 docentes e 520 estudantes de infantil, primaria e secundaria. Na etapa de primaria é plurilingüe e algunhas das materias impártense completamente en inglés. Ao longo da maña sucedéronse diversos actos conmemorativos entre os que destacou a inauguración dunha mostra fotográfica que se pode visitar no pavillón deportivo e na que se fai un repaso ao acontecido no centro ao longo de medio século. Cómpre recordar que o centro foi fundado en novembro de 1926 e leva o nome da nai do fundador, Marcelo Castro Castro Ríal.

No mesmo acto estivo presente o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño; o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; o alcalde de Cee, Ramón Vigo; o presidente da Fundación Castro- Rial, Marcelo Castro-Rial; e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o actual director do centro, Isidro Caamaño; así como autoridades, e representantes da corporación municipal de Cee e membros  da Fundación.