A Consellería de Cultura e Educación e o Concello da Coruña acordan colaborar nas melloras dos CEIPs María Barbeito, Raquel Camacho e Ramón de la Sagra

O conselleiro reuniuse hoxe co alcalde, Xulio Ferreiro, e coa concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán

Xov, 03/03/2016 - 15:54
O conselleiro reuniuse hoxe co alcalde, Xulio Ferreiro,
O conselleiro reuniuse hoxe co alcalde, Xulio Ferreiro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e coa concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, para analizar as necesidades dos centros educativos da cidade herculina. No encontro, no que participou tamén o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, ambas as administracións acordaron colaborar nas melloras dos CEIPs María Barbeiro, Raquel Camacho e Ramón de la Sagra.

Neste sentido o acordo acadado consiste en que o Concello coruñés executará a renovación da cuberta do CEIP María Barbeito. Pola súa banda, a Consellería realizará diversas intervención para a mellora das instalacións dos CEIPs Raquel Camacho e Ramón de la Sagra. Tanto o conselleiro como o alcalde coincidiron no positivo deste tipo de colaboracións interinstitucionais para o beneficio do conxunto da comunidade educativa da cidade herculina.

Non en balde, a colaboración Xunta-Concellos permite que, a maiores das obras de reforma e mellora, nos anos de menores recursos económicos se puideran realizar traballos maiores tales como a construción dun novo aulario no CEIP Emilia Pardo Bazán (1,7 millóns de euros), o acondicionamento do seu patio cuberto (máis de 250.000 euros), ou a ampliación do CEIP Zalaeta (máis de 1,1 millóns de euros). En concreto cabe salientar a ampliación do CEIP Manuel Murguía (case 400.000 euros), que foi posible realizar no 2015 grazas a que o Goberno municipal planeaba xa asumir a renovación das cubertas do CEIP María Barbeito.

CEIP Novo Mesoiro

Cómpre salientar que, de feito, a ampliación realizada pola Consellería do CEIP Manuel Murguía e a análise das necesidades educativas da zona derivou na decisión da Xunta de Galicia de construír un novo CEIP en Novo Mesoiro, co fin de dar resposta ás crecentes necesidades de escolarización da zona.

A Consellería prevé un investimento de máis de 3,8 millóns de euros nesta actuación, coa que creará 450 novos postos escolares de infantil e primaria, suficientes para dar cobertura ás necesidades de escolarización da zona nos vindeiros cursos. O departamento educativo da Xunta de Galicia comunicou por carta o pasado 9 de febreiro ao Concello da Coruña a parcela escollida entre as dúas propostas polo goberno municipal para a construción deste centro, remitíndolle unha proposta de convenio para a cesión e aceptación do terreo. Na reunión de hoxe analizáronse varios puntos do borrador de convenio co fin de que o documento poida asinarse canto antes e licitar as obras.