Educación licita o servizo de comedor nos 20 centros escolares nos que se rescindiu o contrato e amplíanse as esixencias ás empresas
Esixiráseche ás empresas que teñan un centro de produción a menos de 200 quilómetros dos colexios onde se realice a prestación do servizo
Valorarase con ata dez puntos o emprego de lácteos de orixe galega e a redución de fritidos e empanados nos menús
Reteráselle ás empresas o 1% do orzamento da adxudicación, que irá directamente a financiar auditorías periódicas para garantir que se cumpre o contrato subscrito
No resto dos comedores con contratos aínda en vigor e que están funcionando con normalidade, a Consellería realizará auditorías periódicas complementarias e incrementará os controis co fin de anticiparse a posibles incidencias
Ven, 29/01/2016 - 14:34

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar o servizo de comedor escolar nos vinte centros educativos que están funcionando cunha contratación extraordinaria logo de que o pasado mes de novembro se resolvesen os contratos ás empresas que resultaran adxudicatarias no anterior concurso do ano 2015. O orzamento de licitación é de 650.364 euros para financiar o servizo de comedor no período de abril a xuño deste ano.

Para tal fin, a Consellería elaborou un novo prego de condicións –que pode consultarse na Plataforma de Contratación da Xunta de Galicia-  no que se reforzan as esixencias ás empresas que opten á prestación deste servizo co obxectivo de mellorar as prestacións de calidade e seguridade dos menús, incorporando por primeira vez novos requisitos que deberán cumprir as adxudicatarias. Isto é, inclúense novas melloras puntuables, e redefínense os parámetros económicos, entre outros.

No caso do resto dos comedores escolares con contratos aínda en vigor e que están funcionando con absoluta normalidade, a Consellería tamén reforzará os controis e implementará auditorías periódicas co fin de anticiparse a posibles incidencias, se fora o caso.

Centros de elaboración e rexeneración a menos de 200 quilómetros

No caso de que non vaian utilizar as instalacións de cociña dos centros (ben por non existiren ou ben por renunciaren ao seu uso), as empresas deberán acreditar ante a Administración educativa que as instalacións estean a menos de 200 quilómetros dos colexios que se van atender. Ademais, estas instalacións teñen que estar debidamente rexistradas e amparadas polas autorizacións sanitarias e administrativas.

No caso de que a súa oferta económica resulte a máis vantaxosa, o empresario en cuestión dispón de cinco días hábiles para acreditar tal requisito imprescindible. O incumprimento disto suporá a súa substitución polos licitadores seguintes en puntuación.

Así mesmo, o licitador deberá presentar unha declaración responsable mediante a que, no caso de resultar adxudicatario, está obrigado a poñer a disposición dos centros todos os materiais requiridos para o axeitado servizo e quentamento, rexeneración ou refrixeración de menús.

Maior puntuación para menús con lácteos galegos e redución de fritos e empanados

No novo prego redúcese o peso porcentual da oferta económica ao introducir novas melloras puntuables, que perseguen unha maior calidade do servizo, como é a utilización de produtos lácteos de orixe galega na elaboración dos seus menús (10 puntos). Tamén puntuarán aquelas ofertas que presenten menús nos que se reduzan o número de pratos e guarnicións fritidas (5 puntos para a tempada primaveira-verán e outros 5 para a tempada outono-inverno).

Estes novos aspectos puntuables súmanse ás melloras do número e rotación de menús  e de persoas adicionais para o apoio e atención do alumnado que xa se valoraban nos pregos vixentes ata o de agora.

Redifinición dos parámetros económicos

Cumprindo as ponderacións establecidas na Lei de Transparencia, o peso porcentual da oferta económica suporá o 50% da puntuación total. O 50% restante virá puntuado en función dos criterios antes citados.

Así mesmo, en caso de ofertas con idéntica puntuación, o criterio de desempate serán en primeiro lugar o persoal de atención e vixilancia a maiores do mínimo esixido, en segundo lugar o número de menús proposto, en terceiro lugar a redución de fritidos e empanadas e en cuarto lugar a utilización de produtos lácteos de orixe galega. Polo tanto, o prezo ofertado, será o último dos criterios a ter en conta á hora de desfacer un empate.

Auditorías periódicas

Outra das novidades é que a Consellería reteralle ás empresas o 1% do orzamento de adxudicación, unha contía que se destinará directamente a realizar auditorías periódicas (a través de empresas especializadas en xestión alimentaria) co fin de comprobar o cumprimento do contrato e garantir que os ingredientes utilizados na elaboración dos pratos, o tamaño das racións e a preparación e presentación cumpran cos estándares nutricionais previstos e a Guía de Menús Saudables da Xunta de Galicia.
Doutra banda, o novo prego faise especial fincapé no cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria vixente, que agora pasa a considerarse como unha das condicións especiais de contratación. Isto é, que o seu incumprimento pode comportar a resolución do contrato.

Listado de colexios

Este novo prego de condicións aplícase por primeira vez agora na licitación do servizo de comedor dos 20 colexios que están funcionando cun procedemento extraordinario trala retirada da concesión á anterior concesionaria.

Trátase dos CEIPs Ría do Burgo, Sofía Casanova e Isaac Díaz Pardo en Culleredo; os CEIPs O Graxal, Gonzalo Torrente Ballester e Portofaro, en Cambre; o IES As Mariñas de Betanzos;  o CEP Lois Tobío, o  IES María Sarmiento e EEI San Roque, todos eles en Viveiro; o CEIP de Cervo; o CEIP de Foz; o CEIP Vista Alegre de Burela; o CEIP Antía Cal Vázquez de Muras; os  CEIPs de Vilaxoán, de Rubiáns e Rosalía de Castro , os tres de Vilagarcía de Arousa;  o CEIP Antonio Magariños de Cambados; o CPI Aurelio Marcelino Rey de Cuntis e o CEIP San Andrés de Cesar de Caldas de Reis.

Aínda que o prego de condicións atinxe aos contratos para estes vinte colexios mencionados, ás restantes empresas que actualmente están operando realizaráselle unha comunicación recomendándolles o emprego de lácteos de orixe galega e un menor uso de fritidos nos menús que están servindo. A pesar de que non resulta posible esixirlles que os seus centros de produción estean a menos de 200 quilómetros -por rexerse por pregos anteriores- a xeneralidade das empresas xa funcionan con instalacións a unha distancia menor.

Por último, implementaranse auditorías periódicas complementarias para os comedores que funcionan con contratos adxudicados o pasado verán e que aínda non expiraron.