O conselleiro de Educación asiste á celebración do X Aniversario do departamento de hostalaría do IES Manuel Antonio de Vigo

Vázquez Abad visitou as novas instalacións dos ciclos, nas que a Consellería investiu máis de 148.000 euros

Mar, 30/11/2010 - 15:00
O conselleiro de Educación asiste ao IES Manuel Antonio de Vigo
O conselleiro de Educación asiste á celebración do X Aniversario do departamento de hostalaría do IES Manuel Antonio de Vigo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad destacou hoxe o traballo desenvolvido polo IES Manuel Antonio de Vigo na formación de profesionais nas ramas da Hostalaría e o Turismo, no acto celebrado co gallo do décimo aniversario do departamento que imparte estas ensinanzas no instituto da cidade olívica.

No acto o responsable de educación da Xunta de Galicia estivo acompañado pola delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares; e polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.

O conselleiro presenciou o traballo do alumnado no centro na aula taller de Bar-Cafetería do IES Manuel Antonio, na que foron recibidos os convidados. Posteriormente, Vázquez Abad percorreu as novas instalacións do departamento de Hostalaría do IES, que se inauguraban hoxe, e nas que a consellería investiu máis de 148.000 euros. Trátase dun obradoiro de panadería de 150 metros cadrados, para os estudantes do ciclo medio de Panadería, repostería e confitería; e unha aula dotada de 22 postos de catas, que recibirá o nome de Luís Bobadilla, profesor precursor destas aulas nos tempos nos que aínda non se tiña avanzado na formación de profesionais especialistas en viños. Ademais, inaugurouse unha aula de patronaxe, un laboratorio e unha aula polivalente, para os estudantes do ciclo medio de Confección e Moda

Coa realización destas obras as instalación do centro adecúanse ás necesidades de formación da hostalaría, turismo e sectores afíns, dándolle un impulso á profesionalización que require o alumnado, e que se traducirá nun futuro na mellora da calidade dos produtos e servizos prestados cando se incorporen ao mundo laboral. Ademais, a aula de cata supón conectar a FP coa empresas do sector vitivinícola e da restauración, e así formar aos futuros profesionais da Summillería, tan demanda nos nosos días.

Durante esta visita, o conselleiro inaugurou tamén as novas placas solares do Centro Residencial Docente de Vigo.

O acto conmemorativo pechouse cun xantar na aula-taller de Restaurante 'Manuel Blanco Hermida', elaborado e servido polo alumnado do instituto.

Centro de referencia

O IES Manuel Antonio celebra os seus dez anos como centro de referencia ofrecendo formación profesional no eido da Hostalaría, a través dos ciclos formativos de grao medio de Cociña e Gastronomía, e de Servizos en Restauración; e do ciclo de grao superior en Restauración.

Ademais, o alumnado deste centro prepara xantares e cenas todos os días da semana na aula-taller de Restaurante 'Manuel Blanco Hermida'; menús compostos de primeiro e segundo prato e sobremesa, co que poñen en práctica os coñecementos adquiridos na aula.

O centro vigués caracterízase polas súas activas iniciativas arredor do sector da Hostalería, como a propia aula-taller, ou os menús literarios organizados para a celebración do Día das Letras Galegas. Ademais, o IES Manuela Antonio vén acollendo numerosas catas de viños, cervexas e outros actos directamente relacionados coa formación dos estudantes desta rama profesional.

Na súa visita, o conselleiro de Educación aproveitou para valorar positivamente as iniciativas desenvolvidas na biblioteca deste IES, que leva recibido máis de 30.000 euros da Consellería de Educación para plans de fomento e impulso da lectura e mellora dos fondos bibliográficos. Neste sentido, Vázquez Abad coñeceu de primeira man as distintas intervencións realizadas no Manuel Antonio arredor de programas como ‘Hora de Ler’ ou integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Ademais, destacou a colaboración que a comunidade educativa deste centro establece con outros de centros de primaria e secundaria da cidade de Vigo; así como o traballo conxunto do club de lectura do instituto co Centro Residencial Docente vigués e cunha residencia da terceira idade próxima .