O conselleiro e o ministro de Educación comprobaron in situ o desenvolvemento do proxecto Abalar no CEP Doutor Fleming de Vigo

A Consellería recorda que o equipamento para este ambicioso plan xa está distribuído en todos os centros adscritos

Lun, 29/11/2010 - 14:14
O conselleiro e o ministro de Educación comprobaron in situ o desenvolvemento do
O conselleiro e o ministro de Educación comprobaron in situ o desenvolvemento do proxecto Abalar no CEP Doutor Fleming de Vigo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá o CEP Doutor Fleming, en Vigo, co motivo da visita do ministro da mesma área, Ángel Gabilondo. Neste centro, ambos comprobaron in situ o despregamento do proxecto Abalar, o plan galego de integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no sistema educativo, que integra o ‘Escuela 2.0’ posto en marcha polo Ministerio.

Durante o percorrido o conselleiro sinalou que “nestes momentos xa está adquirido e practicamente distribuído o equipamento para as máis de 700 aulas de 5º de Primaria e 1º da ESO beneficiadas deste ambicioso plan neste curso 2010-2011”. Ao que engadiu que “a día de hoxe o 100% do equipamento da aula dos centros públicos foi distribuído e xa está nos centros”.

Neste centro, que conta con 537 estudantes matriculados, benefícianse da implantación do Abalar este curso as 80 alumnas e alumnos de 5º de primaria; xa que este é un dos 300 centros educativos seleccionados para o primeiro ano de despregamento do proxecto en Galicia.

Ademais, a Consellería de Educación está a atender as necesidades do CEP Doutor Fleming en materia de mellora das súas instalacións. Non en balde, e tal e como explicou Vázquez Abad, a Consellería vén de investir máis de 26.000 euros nas obras de reforma da pista polideportiva.

Apoio á lectura

Cómpre recordar que o CEP Doutor Fleming tamén está integrado no plan de Mellora de Biblioteca(PLAMBE) desde o 2007, e que no presente curso volveu recibir a axuda correspondente. Con isto e a iniciativa do propio centro realízanse numerosas actividades de fomento da lectura, formación de usuarios, integración das TIC, e proxectos documentais integrados, entre outras actividades. O conselleiro destacou todas estas accións e resaltou o labor que leva a cabo a responsable da biblioteca, que segundo dixo “traballa cos encargados de bibliotecas doutros centros de primaria da zona de Vigo”. Para Vázquez Abad “os resultados do traballo desenvolvido neste espazo son un exemplo dos efectos positivos que reflicte a cooperatividade“.

No encontro o conselleiro e o ministro estiveron acompañados pola delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares; e polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; o equipo directivo do centro escolar; e os directores xerais de Centros e Recursos Humanos e o de Educación, FP e Innovación, José Manuel Pinal e  José Luis Mira, respectivamente.

Visitas e centros educativos

Posteriormente Xesús Vázquez e César Pérez visitan o CEIP Emilia Pardo Bazán, onde estudou o conselleiro de Educación, e o IES O Castro, onde comprobaron de primeira man e acompañados polos equipos directivos de ambos centros o estado dos mesmos.

O CEIP Emilia Pardo Bazán, no que estudan 143 alumnas e alumnos de infantil, e 253 de primaria,  conta con tres seccións bilingües e un importante programa de bibliotecas. Por outra banda nos dous últimos anos a Consellería investiu máis de 167.000 euros en diversas melloras entre as que destacan a reparación do edificio do 3º ciclo, a reforma da instalación eléctrica e a rehabilitación de parte da estrutura.

Durante esta visita, na que estiveron acompañados polo director, Miguel Carrasco Fernández, comprobaron o estado da biblioteca que forma parte do Plan de Mellora (PLAMBE) desde o curso 2008/2009 e que a día de hoxe ten unha nota de avaliación de 8,75. Un resultado que se obtivo grazas ao traballo desenvolvido por todos os implicados que traballan no club de lectura para nenos, pais e docentes. Asemade este espazo leva a cabo numerosos proxectos, entre os que destaca o programa ‘Lectura por aprendizaxe’, e ‘Formación de usuarios’.

Melloras nas instalacións

Para rematar as visitas da xornada de hoxe o conselleiro desprazarase ata o IES do Castro, onde xunto á directora Rosa María Aurora Segura Iglesias visitará as instalacións nas que estudan 301 alumnas e alumnos de Bacharelato e 327 de ESO, e nas que se investiron máis de 78.000 euros en obras de reforma e mellora da instalación eléctrica e da fontanaría.

Coas visitas de hoxe vólvese a dar conta do interesa que ten a Consellería de Educación por coñecer de primeira man a situación dos centros educativos galegos, e deste xeito, poder dar resposta as necesidades que xurdan nestes espazos.

Declaracións de Xesús Vázquez