Román Rodríguez comparte co alumnado do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces o día do usuario das bibliotecas

O conselleiro de Cultura e Educación recoñece o labor deste centro pontevedrés en aras de impulsar a biblioteca escolar, a través do PLAMBE, do club de lectura e do traballo por proxectos

Sitúa este espazo como peza fundamental no proceso educativo, posto que axuda aos estudantes a desenvolver as competencias clave e potencia a innovación educativa a través das TIC

Lun, 11/01/2016 - 14:20
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces co gallo do Día do Usuario das Bibliotecas. De feito, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia detívose neste espazo, que definiu como “peza fundamental no proceso educativo, un faro de cultura, coñecemento e educación”. Deste xeito, agradeceu o labor de toda a comunidade educativa deste instituto en aras de mellorar a biblioteca escolar e, en consecuencia, a aprendizaxe do alumnado.

Neste sentido, lembrou que o Marco do Camballón conta este curso con Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), ao que xa están adheridos en Galicia un total de 575 centros. Esta iniciativa favorece a transformación das bibliotecas escolares en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, posto que se trata de espazos que axudan aos estudantes a adquirir as competencias clave e potencian a innovación educativa a través das TIC.

Premio no ámbito científico

A maiores, Román Rodríguez tamén puxo en valor o club de lectura do centro -que repercute directamente na biblioteca escolar-, así como o traballo desenvolto o curso pasado arredor das mulleres matemáticas. De feito, felicitou ao alumnado e profesorado participante, posto que a iniciativa resultou premiada no II Concurso de Traballos por Proxectos da Consellería, na modalidade de ciencias, un labor desenvolvido dentro da materia de 1º da ESO “Proxecto Interdisciplinar”.

A través desta iniciativa -na que se implicaron os departamentos de Debuxo, Ciencias Sociais, Lingua Galega, Inglés e Matemáticas-, o alumnado descubriu a importancia da muller no ámbito matemático ao longo da historia e afondou na súa situación. Para iso empregaron a biblioteca como fonte principal de información e as TIC como medio de difusión e soporte.

Novo ciclo de Atención á dependencia

Por outro lado, e tras visitar a biblioteca escolar, o responsable do departamento educativo da Xunta tamén se interesou pola implantación do novo ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia, que se puxo en marcha no instituto este curso e que conta con 18 alumnos e alumnas. A formación profesional complétase neste centro co ciclo medio de Soldadura e a FP Básica de Servizos administrativos.