A demanda de profesionais dixitais supera as vocacións TIC do alumnado galego

Segundo o “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia”, unha iniciativa da Axenda Dixital de Galicia 2020

Só un 8,5% do alumnado matriculados no sistema universitario galego cursa carreiras do ámbito científico tecnolóxico

O baixo índice de interese por estes estudos contrasta coa súa alta taxa de empregabilidade, que en Galicia ascende a máis de 14.000 traballadores no sector

Entre as medidas que apunta o estudo dirixidas ao alumnado destaca a necesidade de cambiar a percepción da mala relación esforzo-beneficio que existe ao redor deste tipo de estudos

En canto ao ámbito educativo indica a importancia de redefinir as colaboracións escola– universidade–empresa para trasladar mellor a realidade destas profesións

Sinala tamén a importancia de incrementar a capacitación tecnolóxica dos docentes doutras áreas e reforzar a base didáctica dos profesores do ámbito científico-tecnolóxico para facilitar o achegamento do alumnado a estas materias

Lun, 14/12/2015 - 13:30
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, xunto co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o director xeral de Administracións Públicas de Everis, Sergi Biosca, participou na xornada presentación do 'Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos, en Enxeñarías e Matemáticos en Galicia'
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, xunto co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o director xeral de Administracións Públicas de Everis, Sergi Biosca, participou na xornada presentación do 'Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos, en Enxeñarías e Matemáticos en Galicia'

No próximos cinco anos, o índice de titulados nas Universidades galegas en estudos relacionados co ámbito científico tecnolóxico non será suficiente para cubrir a demanda de profesionais do sector TIC. Dos 10.000 alumnos titulados nas Universidades galegas en 2014, só 753 cursaron carreiras científico-tecnolóxicas, unha tendencia descendente que se mantén desde 2010. Uns datos que contrastan coa crecente demanda de emprego no sector TIC a nivel rexional, estatal e europeo. 

Así queda de manifesto no “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia”, elaborado pola consultora multinacional Everis, dentro dos seus compromisos como empresa asinante do Pacto Tecnolóxico de Galicia.  As conclusións do estudo presentáronse esta mañá nunha xornada na que participaron os representantes das tres entidades que colaboraron na súa elaboración: a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o director de Administracións Públicas da consultora everis, Sergi Biosca.

Este informe é unha das iniciativas da Axenda Dixital de Galicia 2020 para impulsar as vocacións tecnolóxicas e dar resposta á demanda de novos perfís dixitais que demanda o sector.  En Galicia o sector tecnolóxico emprega a máis de 14.000 persoas e rexistrou un volume de negocio en 2014 de 2.936 millóns de euros, un 4,6% máis que o ano anterior.

Para atopar a causa da falta de vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas), o estudo, realizado a partir dunha mostra de 5.120 estudantes de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato da 40 centros educativos da Comunidade, identifica unha serie de variables que inflúen nos alumnos á hora de elixir o seu itinerario formativo: o propio alumno, a contorna próxima, a contorna educativa e a contorna social. Sobre estes mesmos ámbitos, o estudo propón diferentes liñas de actuación para contribuír ao incremento de vocacións TIC.

Alumnos: Falta de confianza, dificultade e fenda de xénero

O estudo pon de manifesto que case o 40% dos estudantes non se senten capaces de cursar este tipo de estudos. Unha falta de autoconfianza que se incrementa no caso das alumnas, xa que só o 54% ven capacitadas para estudar unha carreira do ámbito TIC fronte ao 74% dos alumnos. Esta fenda de xénero tamén se reflicte no feito de que, fronte ao 46% dos mozos que optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico, unicamente un 33% das rapazas o elixen.

A vocación é a motivación principal do alumnado (92%) para a elección do tipo de estudos, seguido da utilidade e da facilidade. Precisamente, a facilidade é o motivo que sinala o 59% de alumnos de ESO que se decantan  por un Bacharelato distinto ao Científico-Tecnolóxico. Por tanto, é preciso traballar para cambiar a percepción da mala relación esforzo- beneficio, sobre este tipo de itinerarios formativos.

Finalmente, a decisión sobre o tipo de estudos que queren realizar os alumnos, está xa formada no momento que chegan a 3º e 4º de ESO,  xa que no paso deste ciclo ao Bacharelato non se produce un cambio nas preferencias. Así, sería entre o segundo e terceiro ciclo de Primaria, o momento clave para fomentar o interese dos alumnos por estas materias.

Contorna próxima, educativo e social

O contexto do alumnado, nas súas diferentes facetas, é o principal condicionante no momento de elección de estudos STEM. O estudo pon de manifesto que a influencia das nais e pais é a máis relevante para tomar unha decisión sobre formación, segundo declararon o 79% do alumnado.

En canto á influencia do contexto académico, o estudo revela que o rendemento académico dos estudantes de Bacharelato Científico-Tecnolóxico é superior ao daqueles que optaron por outros itinerarios formativos. Este feito, sumado á imaxe de excesiva dificultade neste tipo de estudos, subliña a necesidade de poñer en marcha accións  que suavicen percepción de dificultade destas carreiras e que poñan en valor a relación positiva entre custo–beneficio de desenvolvelas.

Por outra banda, o estudo constata que o alumnado demandan maior información sobre as distintas profesións, o que fai preciso redefinir as colaboracións escola– universidade–empresa, creando novas sinerxias que permitan unha transferencia de coñecemento.

Aínda que en xeral, os alumnos asocian os estudos e profesións relacionadas coas ciencias, tecnoloxías, enxeñerías ou matemáticas a traballos ben remunerados e cun considerable impacto social, o estudo reflicte que hai unha porcentaxe de estudantes que descoñecen esta realidade, polo que se considera necesario incidir sobre dous elementos como son o prestixio e a utilidade social.

Tamén a imaxe que percibe o alumnado sobre o profesorado e materias científico- tecnolóxicas, é relevante, polo que o estudo propón fortalecer por unha banda, a formación e competencias nas TIC do profesorado non STEM, e no caso do profesorado STEM, promover accións que reforcen a súa base didáctica para facilitar un maior achegamento ao alumnado.

En canto ás materias de informática e tecnoloxía o estudo apunta á necesidade de darlles un  carácter máis transversal, así como aumentar nelas o peso da creación dixital (programación, robótica, etc.).

O informe completo está dispoñible no portal da Amtega, http://amtega.xunta.gal/documentos/.

Promoción de materias STEM no ámbito educativo

A reforma curricular posta en marcha en Galicia supuxo unha oportunidade para a adopción de novas medidas para favorecer a adquisición das competencias crave en matemáticas e en ciencias e tecnoloxía. Así, a materia de matemáticas viu incrementado o seu horario en primaria e secundaria e incorporáronse ao currículo novas materias de libre configuración autonómica, como programación, robótica e investigación e tratamento da información, que xa cursan máis de 5.000 alumnos e alumnas. Todo isto nun sistema educativo que leva anos desenvolvendo unha estratexia integradora das TIC no ensino mediante o proxecto Abalar, coa súa extensión no programa Edixgal.

A estratexia de promoción STEM pasa tamén polo fortalecemento dos lazos entre o sistema educativo de nivel obrigatorio con outros socios crave como as universidades, por exemplo nas colaboracións co programa Estalmat para as vocacións matemáticas, con entidades colaboradoras como os colexios profesionais tanto de informáticos como doutros ámbitos para favorecer a difusión e achegamento das profesións, ou outras institucións colaboradoras.

A innovación nas aulas impúlsase tanto desde a formación do profesorado, con cursos con metodoloxías específicas para estas materias, como mediante a profundización de traballos por proxectos e o ensino baseado na investigación en contornas próximas e reais. Ademais, a través do Plan Proxecta dáse soporte ás iniciativas dos centros que se interesen en temáticas próximas ás ciencias ou a programación mediante un amplo abanico de programas.