A inserción laboral dos titulados universitarios confirma a súa tendencia positiva e recupera niveis superiores aos anteriores ao inicio da crise

O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na presentación dos resultados da análise correspondente aos egresados no curso 2010/2011

O informe, elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, elaborouse sobre unha mostra de 5.114 enquisas

Ven, 11/12/2015 - 13:10
Román Rodríguez na presentación
Román Rodríguez na presentación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2010/2011’, un traballo realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). As enquisas telefónicas necesarias para elaborar o informe realizáronse en decembro de 2013 a 5.114 egresados, dunha poboación total obxecto de 9.289 titulados.

Segundo explicou o conselleiro, o estudo confirma a tendencia positiva da inserción laboral dos egresados, recuperando niveis superiores aos de inicio da crise. De feito, o 63,33% dos titulados no 2010/2011 declararon estar traballando, fronte ao 61,93% do estudo correspondente ao curso 07/08. Dentro deste 63,33%, só o 3,59% traballa en postos non relacionados cos estudos cursados, fronte ao 3,81% dos egresados do 07/08 no momento da súa enquisa.

A tendencia alcista queda confirmada cos primeiros datos dispoñibles do estudo dos egresados no curso 2011/2012 – aínda en preparación-, segundo o cal o 67,53% dos enquisados estaban traballando no momento da entrevista. Este dato é aínda máis positivo que o do estudo correspondente aos que remataron a carreira no 06/07, no que se rexistrou un 66,11% neste concepto.

Así mesmo, o salario medio neto dos titulados do SUG – que viña diminuíndo desde o Estudo do 07/08- mantense no informe actual en niveis similares ao soldo dos que remataron a carreira no 2009/2010. Segundo os datos, o soldo medio é de 1.067,79 euros, e o 49,48% dos que traballan declararon cobrar máis de 1.000 euros ao mes.

Tempo en atopar emprego e modalidade de contrato

No referido ao tempo empregado para acceder a un posto de traballo, 8,48 meses segundo o estudo hoxe presentado, increméntase lixeiramente respecto do estudo anterior (8,06 meses). Aínda así, o 55,60% atoparon emprego en 6 meses ou antes tras finalizar os estudos. Como factores relevantes para atopar emprego os enquisados sinalaron ‘a actitude durante a entrevista’, a ‘experiencia laboral relacionada’, ‘aproveitar oportunidades’ e ‘ter mobilidade xeográfica’.

De forma maioritaria os titulados enquisados estaban traballando en Galicia un 82,52% e o 13,55% noutra CCAA. O 3,93% saíron de España, deles o 3,15% cara Europa e o 0,78% cara outro continente. Os motivos da mobilidade foron ‘non atopar traballo en Galicia’ (34,58%), ‘unha mellor oferta no exterior’ (27,49%) e ‘razóns persoais’ (25,32%).

O estudo reflicte, así mesmo, unha maior estabilidade, ao diminuír o número de empresas e de contratos polos que pasan os egresados que traballaban no momento de realización da enquisa. Non en balde, os titulados no 2010/2011 pasaron por 1,95 empresas – de media- e 3,35 contratos; cifras moi similares aos que remataron a carreira no 06/07 (2,03 empresas e 3,33 contratos).

Estes datos poden deberse, en parte, ao lixeiro aumento que se observa na porcentaxe de titulados que traballan por conta propia, un 12,22% no estudo do 10/11 fronte ao 10,19% do informe do ano 09/10. Ademais, a porcentaxe de titulados con contrato indefinido (38,96%) mantense con respecto ao estudo do 09/10, rompendo a tendencia á baixa de anos anteriores e recuperando niveis dos titulados no 06/07 no momento que realizaron a súa enquisa.

Outros estudos e oposicións

Independentemente de traballaren ou non, o 24,11% dos egresados no curso 10/11 declararon no momento de realización da enquisa estar continuando estudos. Ademais, o 19,02% afirmaron ter rematado outras titulación, e o 33,38% posuír estudos de posgrao; o que confirma a tendencia positiva en ambos os casos, acadando os máximos niveis desde que se realiza o estudo da ACSUG. O principal motivo esgrimido para realizar o posgrado foi o de ‘estar en mellores condición para atopar emprego, moi similar ao segundo, que é o de ‘desenvolvemento ou promoción laboral’.

A satisfacción cos estudos cursados é, en calquera caso, alta. De feito, o 86,96% dos enquisados volvería facer estudos universitarios, o 77,84% a mesma titulación e 86,23% a mesma carreira na mesma universidade. Non en balde, o 73,90% deles accederon aos estudos universitarios escollidos como primeira opción. Respecto da necesidade de formación específica adicional para o desempeño do posto de traballo, o 60,09% considerouna pouco ou nada necesaria e o 30,33% afirmou que se precisaba bastante ou moito.

Por outra banda, o 14,11% dos que responderon a enquisa telefónica sinalaron estar preparando oposición, aínda moi lonxe do 24,72% dos egresados no 08/09 no momento da realización do estudo.

Mellora progresiva

O conselleiro de Cultura e Educación salientou o importante labor que a ACSUG realiza con este estudo, o único en España tan exhaustivo na análise da inserción laboral dos titulados universitarios. Neste sentido celebrou que a porcentaxe de egresados que atopan traballo confirme a súa tendencia positiva, e confiou en que todas as variables do estudo poidan ir mellorando de forma progresiva, a medida que se deixa atrás a crise.

Ademais do conselleiro, participaron na presentación a presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo, e o director da axencia, Eduardo López Pereira.