O conselleiro de Cultura e Educación visita o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares

Román Rodríguez percorreu o CIQUS acompañado do último investigador galego en acadar unha axuda 'Starting Grant', Javier Montenegro García

Mér, 02/12/2015 - 13:59
O conselleiro de Cultura e Educación visita o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares
O conselleiro de Cultura e Educación visita o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), ocasión que aproveitou para coñecer ao último investigador galego en obter unha axuda do programa 'Starting Grant', Javier Montenegro García. Durante o seu percorrido por este centro singular de investigación o conselleiro interesouse polos diferentes traballos que alí se desenvolven, e amosou a súa confianza no valor que estas investigacións terán á hora de transferilas á sociedade.

Con esta visita complétase a xornada de achegamento celebrada o pasado mes de outubro, na que o conselleiro se reuniu con sete investigadores galegos que actualmente contan coa selecta axuda que concede o ERC (Consello Europeo de Investigación) –e, por tanto, beneficiarios dos programas Starting Grants (StG), Consolidator Grants (CoG) e Advanced Grants (AdG)– co obxectivo de coñecer de preto os seus proxectos e intercambiar posturas arredor da actividade científica en aras de abordar os retos e liñas de futuro.

Na visita de hoxe participaron tamén o director científico do CIQUS, o J. Luis Mascareñas Cid; a directora adxunta do centro, Dolores Pérez Meirás; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a subdirectora de Promoción científica e tecnolóxica universitaria, María Jesús Tallón Nieto.