Román Rodríguez da a benvida aos novos inspectores educativos que se incorporan neste curso

O conselleiro de Cultura e Educación interveu na I Xornada de Inspección Educativa 2015-2016

Mér, 28/10/2015 - 11:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu a benvida esta mañá aos 14 novos inspectores educativos que se incorporan ao seu labor neste curso. O conselleiro participou nesta I Xornada de Inspección Educativa 2015-2016, que reúne no Museo Pedagóxico de Galicia a uns 70 inspectores para analizar o plan de traballo cara este curso e para debater, entre outros, a Estratexia Galega de Convivencia Escolar e a protección de datos nos centros educativos.

Na súa intervención Román Rodríguez salientou o traballo da Inspección Educativa como un elemento “fundamental”  para garantir “un sistema educativo de calidade coas metas postas na busca da excelencia”. O conselleiro tamén puxo en valor as xornadas de formación coma esta na medida en que permiten a actualización de coñecementos e o intercambio de experiencias sobre asuntos de actualidade. “Formación permanente e traballo en equipo –subliñou- constitúen piares básicos no sistema educativo que se incentivan con encontros desta índole”.

Finalmente Román Rodríguez aproveitou a súa presenza na xornada para trasladarlle aos inspectores o firme apoio do departamento de Educación na aposta pola mellora do sistema e da calidade do ensino.

O acto tamén contou coa presenza do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.