O conselleiro de Educación asistiu á entrega do premio Fonseca 2010 ao naturista Sir David Attenborough

Este galardón recoñece o esforzo para divulgar o coñecemento científico na sociedade

Xov, 18/11/2010 - 20:30
Xesús Vázquez con Sir David Attenborough
Xesús Vázquez con Sir David Attenborough

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe á entrega do Premio Fonseca 2010 de divulgación científica, concedido ao naturalista británico  Sir David Attenborough, pola súa contribución á difusión á sociedade de coñecementos de natureza e historia natural a través dos medios de comunicación. Esta é a terceira edición do premio, concedido pola Universidade de Santiago de Compostela

Na entrega do premio, que se celebrou no Auditorio de Galicia, estiveron presentes tamén o reitor da USC, Juan Casares Long; e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. No acto, o premiado demostrou o seu bo facer divulgativo ao impartir o relatorio ‘Paxaros do paraíso’.

Transmitir o saber científico

O Premio Fonseca de divulgación científica está enmarcado no Programa ConCiencia, froito da unión entre o Consorcio de Santiago e a USC co obxectivo de promover a visita a Santiago das principais figuras internacionais da ciencia para transmitir os seus coñecementos á unha sociedade que precisa cada día máis da culturización científica.

Ao abeiro do programa ConCiencia naceu este galardón, que vai xa pola súa terceira edición, e que pretende recoñecer o papel dos medios de comunicación como medios transmisores do coñecemento, e premiar os esforzos dos autores por adecuar os contidos científicos a estes medios. Este ano 2010 o xurado decidiu galardoar ao naturalista británico  Sir David Attenborough, que xa ten no seu haber importantes recoñecementos, como o primeiro Premio Descartes de comunicación da ciencia da Unión Europea e o Premio Príncipe de Asturias 2009 de Ciencias Sociais.

O Premio Fonseca recoñece o traballo de case 50 anos dedicados á descrición da natureza e defensa do medio ambiente a través de programas de televisión, fundamentalmente na BBC, que contribuirán a achegar a ciencia á sociedade durante décadas. Así mesmo, o seu labor divulgativo complétase con máis de 20 libros publicadas sobre a materia.