A Consellería de Educación participa no XXXIII Congreso da Asociación de Profesores de Ciencias de Galicia

O director xeral de Educación asistiu hoxe á primeira xornada deste encontro

Xov, 11/11/2010 - 18:17
O director xeral de Educación, José Luis Mira, asistiu hoxe á primeira xornada d
O director xeral de Educación, José Luis Mira, asistiu hoxe á primeira xornada deste encontro, que se celebra nos IES As Telleiras e Terra de Trasancos, en Narón.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estivo hoxe presente na inauguración do XXIII congreso da Asociación de Profesores de Ciencias de Galicia (ENCIGA). O director xeral de Educación, José Luis Mira, asistiu hoxe á primeira xornada deste encontro, que se celebra nos IES As Telleiras e Terra de Trasancos, en Narón.

Co obxectivo de mellorar a calidade do ensino nas áreas matemático-científico-tecnolóxicas nos niveis educativos non universitarios, 300 docentes daranse cita ata o sábado 13 de novembro.

Durante o encontro, o director xeral de Educación felicitou á asociación polos 23 anos de traballo, e contribución á didáctica das ciencias, grazas ao que “concienciou a moitos profesores e profesoras da necesidade de asociarse, de traballar en equipo, de intercambiar experiencias, de afrontar retos e buscar estratexias para a procura dunha maior calidade educativa”.

Ademais, Jose Luis Mira lembrou a importancia de transmitir á sociedade a idea de que a ciencia non é algo alleo a ela, reservado a uns cantos científicos, senón que é o motor do progreso, da innovación e do benestar da sociedade. Neste sentido valorou o traballo de ENCIGA “poñendo as bases do coñecemento científico desde os primeiros anos do alumnado; divulgando a ‘ciencia dos científicos’, para que a sociedade en xeral e o alumnado en particular coñezan, asuman e comprendan as implicacións que ten sobre a vida cotiá deste século XXI; e fomentando o espírito científico, o razoamento e o modelo de análise que inspira a ciencia, para capacitar os cidadáns para afrontaren e resolveren os problemas que a realidade cotiá depara nas diferentes facetas da vida”.

Finalmente, o director xeral de Educación animou aos presentes a continuar desenvolvendo o seu labor, “mellorando e practicando en programas de innovación e investigación educativa, na introdución das novas tecnoloxías na aula, en iniciativas como o proxecto ABALAR, no afondamento en estratexias de indagación, investigacións sinxelas na aula, ou ciencia recreativa”.

Interdisciplinariedade

Baseado na promoción da cultura científica, a XXIII edición do congreso de ENCIGA está organizado en obradoiros, relatorios e mesas redondas, nas que participarán docentes de distintos institutos galegos, así como representantes das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Ademais, o encontro conta coa participación de representantes de institución académicas portuguesas, como o Instituto de Educaçao da Universidade do Minho, a Escola Secundária Fernando Naroma, ou a Universidade de Coimbra; así como da Universidade Católica de Ávila, e da EUN Partnership AISBL de Bélxica.

Durante as tres xornadas que dura o congreso, os asistentes debaterán sobre as distintas disciplinas da ensinanza científica, abordando temas tan diversos como o uso dos materiais dixitais para o ensino das matemáticas, a clonación, os dispositivos captadores de datos, a botánica, a robótica, o teatro científico como forma de aprendizaxe, a enxeñaría ou a química. Tamén sobre as cuestións que afectan ao alumnado, como o consumo en idades temperás de tabaco el alcol.

O problema socioambiental tamén terá cabida, con conferencias e obradoiros sobre o cambio climático, a meteoroloxía, a choiva ácida, as instalacións solares fotovoltaicas ou as estacións depuradoras de augas residuais (E.D.A.R.).

Ademais, o IES As Telleiras acolle catro exposicións.’A natureza galega’ presta atención aos detalles da vida e da natureza do entorno, especialmente no referido á bioloxía mariña; mentres que ‘Unha ollada á nosa historia’ conmemora o vixésimo quinto aniversario do instituto recollendo unha pequena mostra dos utensilios propios do oficio de telleiro, que dá o nome ao instituto por atoparse emprazado no lugar ocupado antigamente por unha telleira. Doutra banda, poderanse ver as fotografías de José Francisco Rodríguez Nieto na mostra ‘O Courel: terra de soutos’, e a exposición ‘Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas’, que desenvolve os materiais didácticos, adaptados á formación a distancia e ao uso das novas tecnoloxías, correspondentes ao certificado de profesionalidade en montaxe e mantemento destas instalacións. Ademais, no IES Terra de Trasancos poderanse visitar os xogos matemáticos, elaborados polos departamentos de matemáticas e de artes plásticas do centro, ‘O dragón de Trasancos’, e ‘O caracol das matemáticas’

Coa celebración deste congreso ENCIGA quere darlle continuidade ao seu labor de impulso e dinamización dos traballos de investigación educativa e intercambio de información entre os docentes, aproveitando a ocasión para achegar ao profesorado asociado.