Educación e a Universidade de Vigo reforzan a súa colaboración a prol da investigación sobre a lingua galega

O Consello da Xunta deu o visto e prace á sinatura do convenio entre Educación e a UVigo para a cooperación científica e técnica nos proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Xov, 11/11/2010 - 17:39

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo (UVigo) reforzan a súa colaboración a prol da investigación sobre o galego. O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura dun convenio entre ambas as partes durante os anos 2010, 2011 e 2012, que establece a cooperación nas actividades de coordinación e asesoramento científico e técnico nos proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que depende da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Para isto, a consellería contará coa colaboración de destacados profesionais da UVigo que impulsarán as tarefas de coordinación científica e dirección técnica do centro, así como de dirección e colaboración nos proxectos e programas de investigación que nel se desenvolvan, en concreto na elaboración do sintetizador de voz para o galego e mais do etiquetador/lematizador do galego actual.

Pola súa parte, a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contribuirá a sufragar estes proxectos ata 2012 coa achega de 27.090 euros.

Implicación das tres universidades no labor do Centro Ramón Piñeiro

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que forma parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten en marcha diversos proxectos que inciden no estudo filolóxico e de conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas e que permiten unha investigación en profundidade da nosa historia lingüística e literaria.

Nestes proxectos, ademais dos da UVigo, tamén colaboran profesionais da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela, grazas tamén aos convenios de colaboración que se asinaron o pasado mes de setembro con estoutras entidades.

Colaboración a prol da investigación e da presenza do galego no ámbito universitario Ademais destes convenios, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tamén colabora coas tres universidades para favorecer a extensión da lingua galega no ámbito universitario. No marco de cadanseu convenio de colaboración, Política Lingüística bríndalles apoio á tres entidades para a realización de diversas actuacións, como actividades formativas, convocatoria de premios, organización de encontros, campañas para promover o uso do galego ou proxectos de investigacións sobre esta lingua.

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza