A Consellería de Educación remata a transformación de títulos universitarios ao Espazo Europeo de Educación Superior

O Consello da Xunta deu o visto e prace a 13 graos, 10 mestrados e un programa de doutoramento, nas tres universidades do sistema universitario de Galicia (SUG)

Xov, 11/11/2010 - 17:35

A Consellería de Educación autorizará 24 titulacións universitarias adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), despois de que o Consello da Xunta dera hoxe o visto e prace a estes plans de estudo. Deste xeito, o Goberno galego remata o proceso de adaptación ao EEES, tal e como foi comprometido polo departamento educativo da Xunta.

Ao abeiro do decreto hoxe aprobado, autorízanse 13 títulos de grao, ben que todas resultan da transformación doutras ensinanzas da antiga ordenación universitaria. Así, os 13 graos autorizados resultan da transformación de 17 títulos vixentes ata agora. Deles, un impartirase na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e os doce restantes na da Coruña (UDC).

No caso dos mestrados, dos 10 títulos, dous son novos, pois o resto proceden da transformación do período de docencia dos vellos doutoramentos, eran títulos propios, ou son títulos que se autorizan novamente por modificarse substancialmente o seu plan de estudos. Destas titulacións de máster, dúas corresponden á USC, sete á UDC e unha á UVigo.

Ademais, o decreto a que hoxe deu o Consello da Xunta o visto e prace recolle a autorización dun novo programa de doutoramento, o de estudos franceses, que se impartirá na USC.

Colaboración interuniversitaria

Doutra banda, o decreto hoxe aprobado impulsa a colaboración entre as universidades do sistema universitario de Galicia (SUG) e coas de fóra de Galicia. Así, catro dos mestrados son interuniversitarios do SUG.

Ademais, un dos máster da USC -en literatura alemá na idade media europea- ten acadado a cualificación de Erasmus Mundus da Comisión Europea, polo que nel participan coa USC outras oito universidades públicas europeas, en concreto a Universiteit Van Amsterdam (Holanda), Freie Universität Berlín (Alemaña), Universität Bremen (Alemaña), National University of Ireland, Galway (Irlanda), Univerza v Ljubljani (Eslovenia), Univerzita Palackého v Olomouci (República Checa), Universitá degli Studi di Palermo (Italia), Universidade do Porto (Portugal), e Universität Wien (Austria). Respecto do programa de doutoramento en estudos franceses da USC, é interuniversitario e internacional coa Université de Nantes.