Cultura e Educación impulsa a construción dun CEIP no Novo Mesoiro da Coruña

Solicita do concello unha parcela de 10.000 metros cadrados para edificar un colexio de liña 2

Mér, 16/09/2015 - 17:36
Cultura e Educación impulsa a construcción dun CEIP no Novo Mesoiro da Coruña
Cultura e Educación impulsa a construcción dun CEIP no Novo Mesoiro da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de trasladarlle ao Concello da Coruña a necesidade da posta a disposición do departamento educativo autonómico dos terreos necesarios para a construción dun novo Centro de Educación Infantil e Primaria de liña 2 na zona de Novo Mesoiro, para dar resposta ás necesidades crecentes de prazas escolares e necesidades educativas dalgúns barrios da cidade herculina. O conselleiro fixo estas declaracións ao remate dunha xuntanza de traballo na Delegación territorial da Xunta.

A devandita aceptación da parcela, que debe ter unha superficie mínima de polo menos 10.000 metros cadrados, realizarase, como é ordinario, mediante a subscrición dun convenio de colaboración entre as dúas administracións, autonómica e local. Coa sinatura desde documento materialízase a cooperación para potenciar o desenvolvemento do sistema educativo galego, en xeral, e coruñés, en particular.

Melloras educativas

Cómpre lembrar que este mesmo ano realizouse a obra de ampliación do CEIP Plurilingüe Manuel Murguía, cun orzamento de preto de 450.000 euros, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

A través desta obra dotarase ao centro de 4 aulas polivalentes, aula de desdobre e secretaría, estancias que permitirán unha mellor organización da actividade lectiva. Ademais, ampliouse o comedor, instalouse un patio cuberto e mellorarase a accesibilidade coa instalación dun ascensor.